A Consellería de Educación concede axudas para a mellora dos Campus Universitarios por valor de máis de seis millóns de euros

As axudas enmárcanse na convocatoria autonómica de Campus de Excelencia Internacional

Mér, 16/12/2009 - 08:38

A universidade de Vigo resultou a maior beneficiada das achegas repartidas pola Consellería de Educación para o Campus de Excelencia Internacional 2009. Con estas axudas, ás que se destinan un total de 6.273.583 euros froito da colaboración co Ministerio de Ciencia e Innovación, a Xunta de Galicia aposta unha vez máis por potenciar o papel dos campus universitarios no desenvolvemento da Sociedade do Coñecemento, tanto pola súa implicación na calidade da docencia como polo seu carácter estimulador da investigación de calidade, así como por ser estímulo da presenza da universidade na sociedade e a economía.

Situar as universidades galegas entre as de maior prestixio internacional

As axudas, que terán carácter de préstamo cun tipo de xuro do 0% e reembolsables en 14 anos, incluídos dous de carencia, teñen como obxectivo contribuír á modernización dos campus das tres universidades galegas. Con elas búscase a excelencia docente e científica, a internacionalización do sistema universitario e a súa implicación no cambio de modelo económico baseado no coñecemento e a mellora da innovación. O obxectivo é situar as universidades de Galicia entre as mellores de Europa, e aos seus campus entre os de maior prestixio internacional.

Á convocatoria autonómica presentáronse proxectos avalados polas tres universidades públicas galegas, en concreto, o Campus Vida da Universidade de Santiago; o Campus do Mar da Universidade de Vigo; e o Campus de Tecnoloxía Sostible, presentado pola Universidade da Coruña.

Tras estudar pormenorizadamente as propostas, a comisión de selección, integrada por persoal da Secretaría Xeral de Universidades, aplicou os criterios recollidos na orde, do que resultou o seguinte reparto: 2.168.150 euros para levar a cabo o proxecto da Universidade de Vigo, 2.134.900 para o presentado pola de Santiago, e 1.970.533 euros para o da Universidade da Coruña.

Criterios de avaliación

Para determinar estas contías, valoráronse as propostas presentadas en base a criterios de avaliación como a proxección interuniversitaria da actuación, a ambición científica da mesma, a urxencia de mellora e modernización do campus, o carácter estructurador e innovador da actuación para o territorio, ou o desenvolvemento dunha vida de campus e de mellora pedagóxica. Así mesmo, foi determinante a calidade, idoneidade e singularidade do plan de execución, orzamento do proxecto e o estudo de viabilidade da proposta, sen esquecer a valoración da mellora da situación relativa dos campus do SUG e a converxencia dos sete campus galegos mediante accións de mellora nos campus de Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra.