Vázquez Abad preside o acto central do X Aniversario do Conservatorio Profesional de Música de Vigo, “un punto de referencia na formación musical” para Galicia

O conservatorio realiza durante esta semana numerosas actividades culturais arredor da música para conmemorar os seus dez anos de vida, unha programación que ten como punto álxido o concerto de hoxe

Mér, 24/04/2013 - 20:07
O conservatorio realiza durante esta semana numerosas actividades culturais arre
O conservatorio realiza durante esta semana numerosas actividades culturais arredor da música para conmemorar os seus dez anos de vida, unha programación que ten como punto álxido o concerto de hoxe

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria asistiu hoxe no auditorio David Russell do Conservatorio Profesional de Música de Vigo ao concerto conmemorativo do décimo aniversario do centro. Neste acto, realizouse á estrea da versión completa para banda e coro do ‘Himno a Vigo’ –con música do mestre Reveriano Soutullo e letra de Pío L. Cuíñas–, a cargo da Banda e Coro do Conservatorio Profesional de Música de Vigo. Vázquez Abad salientou na súa intervención no acto que o CMUS vigués tense convertido nestes dez anos de vida nun “punto de referencia na formación musical dos centros de réxime especial en Galicia polo grao de excelencia, a prol dunha formación artística de calidade”, lembrando que actualmente “máis de 600 alumnos e alumnas desenvolven as súas capacidades musicais neste conservatorio” na procura dunha “verdadeira opción de futuro”, engadiu.

O conselleiro estivo acompañado no acto polo segundo tenente de alcalde de Vigo, Carlos López Font; o director do CMUS de Vigo, Esteban Valverde Corrales; a presidenta da Fundación Soutullo, María Rosa Arija Soutullo; e o xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares.

O conselleiro rematou a súa alocución agradecendo o excelente traballo de todo o equipo do centro, a súa entrega e constante aposta pola calidade, recordando que a música é símbolo da nosa identidade histórica, “temos un pasado musical inmensamente rico na nosa Comunidade, por iso a profesionalización deste saber é un eixo básico para proxectar este valor nunha Europa globalizada”.

Unha semana para conmemorar dez anos

Durante toda esta semana desenvolverase o programa da celebración do X aniversario do CMUS Vigo, que inclúe diversas actividades musicais nas que se amosa o traballo desenvolto nas aulas do centro e a excelencia musical acadada polo seu alumnado.

O luns abriuse o ciclo conmemorativo con concertos de Dúo de pianos, protagonizados por Blanca Vázquez e Berta Fresco, e por Blanca Palomar e Ana Domínguez, respectivamente. O martes ofrecéronse dous concertos: ‘Dúo de frauta e percusión’ con Julia Estevez (frauta) e David Rodriguez (percusión), e ‘Trío de clarinete, violín e piano’, executado por Esteban Valverde (clarinete), Leonardo Blanco (violín) e Mar Gómez (piano). Hoxe mércores, a Banda de Música e Coro do Conservatorio Profesional de Vigo interpretará, baixo a batuta de Juan Carlos Díaz, o antedito ‘Himno a Vigo’, dentro dun amplo programa que inclúe a ‘Obertura’ de Norma de Vincenzo Bellini, Chaconne de Dietrich Buxtehude, e Aladdin Suite de Carl Nielsen.

O xoves será o momento da mesa redonda e o concerto dos profesores do Departamento de Jazz do CMUS da Coruña, no que serán protagonistas Hansel L. Diez (trompeta e fliscorno), Alberto Conde (piano), Kin García (contrabaixo) e Noli Torres (batería); este mesmo día terá lugar outro concerto da “E. Jazz Band” –ensemble de alumnos do centro–, dirixida neste caso por Antonio Rodríguez. Finalmente o venres haberá tres actuacións, un ‘Trío de dúas frautas e piano’, con Pablo Rouco (frauta), Julia Estévez (frauta) e Ana Domínguez (piano); e un ‘Trío de óboe, fagot e piano’, coa interpretación dos músicos Feliciano Carbonell (óboe), David Arroyos (fagot) e Ana Domínguez (piano). Conclúese a xornada e o ciclo de actividades culturais con diversas interpretacións de formacións mixtas do departamento de Vento-metal do propio CMUS Vigo.