Xesús Vázquez Abad recibe aos alumnos galegos que gañaron tres medallas na XLIX Olimpíada Matemática Española

O equipo galego, formado polos gañadores da fase galega, alzouse en total con dúas medallas de prata e unha de bronce na Olimpíada Española de Bilbao.

Mér, 24/04/2013 - 19:10
Xesús Vázquez Abad recibe aos alumnos galegos que gañaron tres medallas na XLIX
Xesús Vázquez Abad recibe aos alumnos galegos que gañaron tres medallas na XLIX Olimpíada Matemática Española

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, recibiu no serán de hoxe a Raúl Alonso, Gonzalo Cao e Carlos García, tres alumnos galegos que acadaron cadansúa medalla na final da XLIX Olimpíada Matemática Española celebrada en Bilbao do 4 ao 7 de abril. O equipo galego -formado polos gañadores da fase galega desta Olimpíada Matemática, que tivo lugar na Universidade de Santiago de Compostela no mes de xaneiro- alzouse en total con tres preseas: dúas de prata e unha de bronce. Na súa visita á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, os rapaces estiveron acompañados polo profesor da Facultade de Matemáticas, Felipe Gago, encargado da preparación dos alumnos. Ao encontro asistiu tamén o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira.

O conselleiro felicitou aos rapaces polos seus éxitos e por levar o nome de Galicia ás cotas máis altas neste prestixioso concurso estatal. Do mesmo xeito, Xesús Vázquez Abad tivo unhas palabras de agradecemento para o profesor Felipe Gago, por ser quen de motivar aos alumnos e potenciar a súa paixón por unha disciplina como as matemáticas. O responsable de Cultura e Educación animou tanto aos rapaces coma ao seu mestre a continuar pola mesma senda do traballo asegurando que, de seguir así, outros éxitos están por vir.   

Raúl Alonso Rodríguez, alumno de 1º de Bacharelato do IES Carlos Casares de Vigo, e Gonzalo Cao Labora, estudante de 4º de ESO no IES Eusebio da Guarda na Coruña, conseguiron as dúas medallas de prata da expedición galega; mentres Carlos García Ling, alumno de 2º de Bacharelato do Colexio Manuel Peleteiro de Santiago de Compostela, fíxose coa presea de bronce.