A Consellería de Cultura e Educación forma a preto de 200 orientadores para que transmitan ao alumnado as posibilidades da FP como porta de acceso ao mercado laboral

A xornada 'FP: emprego en tempo de crise' celébrase hoxe no CIFP Politécnico de Santiago

Mér, 24/04/2013 - 11:59
A Consellería de Cultura e Educación forma a preto de 200 orientadores para que
A Consellería de Cultura e Educación forma a preto de 200 orientadores para que transmitan ao alumnado as posibilidades da FP como porta de acceso ao mercado laboral

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria forma hoxe a preto de 200 orientadores para que poidan transmitir ao alumnado as posibilidades que a Formación Profesional ofrece como porta de acceso ao mercado laboral. A xornada “FP: emprego en tempo de crise” celébrase no CIFP Politécnico de Santiago e proporciona cumprida información a estes docentes sobre asuntos de actualidade como a implantación da modalidade de FP Dual en Galicia, o proceso de recoñecemento, avaliación e acreditación da competencia profesional da poboación traballadoras ou o emprendemento, entre outros.

O encontro, que foi inaugurado pola subdirectora xeral de FP, María Eugenia Pérez Fernández, parte da importancia que ten na sociedade actual a información e a orientación profesional como ferramenta para que o alumnado e a sociedade en xeral coñezan as diversas ofertas de formación e os posibles itinerarios formativos para facilitar a inserción e a mobilidade no mercado de traballo.

Presentacións e mesas redondas

A xornada comezou cunha mesa redonda arredor do papel da empresa na FP, especialmente na modalidade dual, moderada polo xefe de servizo de Ordenación e Formación Profesional da Consellería, Xosé Romarís, con participación da responsable de emprego da Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA), Silvia Doce; do director do CIFP Politécnico de Santiago, José M. Leis; e da xerente de Recursos Humanos de Coremain, Ana Álvarez.

Ao longo da mañá Xosé Romarís presentará tamén o funcionamento das probas libres para a obtención de títulos de FP, e celebrarase outra mesa redonda arredor do uso de internet e as redes sociais para a búsqueda de emprego. Moderado pola xefa do departamento de Información e orientación profesional do CIFP Ferrolterra, María Carmen Fernández, neste foro intervirán tamén o responsable da bolsa de emprego nese mesmo centro integrado ferrolán, Juan Manuel López, e a conselleira de EURES Covadonga López.

Xa no programa da tarde, o emprendemento desde a FP será o tema arredor do que xirará o debate na mesa redonda moderada pola asesora técnica de emprendemento da Consellería, María Teresa Moya, con participación do xerente de IGAPE Nova, Guillermo Viña, e do coordinador de emprendemento do IES Luis Seoane, Francisco Álvarez. Ademais, presentarán as súas experiencias aos asistentes dous representantes de iniciativas nacidas ao abeiro dos viveiros de empresa da Consellería nos centros educativos. En concreto Juan Andrés Pérez, de Galdoo Technologies S.L. (CIFP Politécnico de Lugo) e Manuel López-Cerón, de Galifutbol (IES Luís Seoane, de Pontevedra).

O programa pecharase cun relatorio sobre as habilitacións profesionais impartido polo xefe de servizo de Xestión Integrada de Formación Profesional da Consellería, José Antonio Jardón, e cunha mesa redonda na que se debaterá sobre as posibilidades que ofrece o procedemento de acreditación de competencias profesionais para que as persoas traballadoras poidan mellorar o seu currículo e acceder a mellores postos de traballo. Este último foro será moderado polo xefe de servizo de Orientación Profesional e Relación con Empresas da Consellería, Jesús Manuel Rodríguez Buján, e nel intervirán a xefa do departamento de Información e orientación profesional do CIFP Someso, Ángeles Piay, e Eleuterio José López e Antonio José García, asesor e avaliador deste procedemento nos CIFP Someso e Politécnico de Santiago, respectivamente. Así mesmo, José Antonio Rodeiro García narrará aos asistentes a súa experiencia tras ter acreditado as competencias adquiridas na súa actividade laboral a través deste procedemento.