Catro museos da Consellería de Cultura e Educación participarán no bookcrossing de máis de 3.000 volumes no Día Internacional do Libro

O Museo das Peregrinacións e de Santiago, o CGAC, o Museo Etnolóxico de Ribadavia (Ourense) e o Museo de Belas Artes da Coruña participarán nesta iniciativa promovida polo ARTIUM de Vitoria.

O obxectivo é sumar ás bibliotecas dos museos no esforzo para o fomento da lectura e, máis en concreto, na difusión do coñecemento das distintas disciplinas culturais.

Dom, 21/04/2013 - 10:05
 Catro museos da Consellería de Cultura e Educación participarán no bookcrossing
Catro museos da Consellería de Cultura e Educación participarán no bookcrossing de máis de 3.000 volumes no Día Internacional do Libro

O próximo 23 de abril catro museos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria -as bibliotecas do Museo das Peregrinacións e de Santiago, o Centro Galego de Arte Contemporánea, o Museo Etnolóxico de Ribadavia (Ourense) e o Museo de Belas Artes da Coruña- celebrarán o Día Internacional do Libro a través dunha experiencia bookcrossing de liberación de libros promovida por quinto ano consecutivo polo centro museo ARTIUM de Vitoria-Gasteiz. Deste xeito, a Xunta de Galicia suma unha actividade máis á súa programación cultural que conmemora o Día Internacional do Libro. Unha celebración que xunta as efemérides do pasamento de William Shakespeare, Miguel de Cervantes e Inca Garcilaso de la Vega.

Deste xeito, o vindeiro martes 23 de abril un total de 56 museos e centros de arte de toda España compartirán a experiencia de bookcrossing ou campaña de liberación de libros, coa pretensión de inundar as cidades con volumes procedentes da bolsa de duplicados das súas respectivas bibliotecas. Entre todos os participantes poñerán en circulación máis de 3.000 libros coa intención de que os que os recollan, gocen da súa lectura e volvan liberalos noutro punto distinto do mundo. Todos os libros liberados estarán acreditados coas súas correspondentes etiquetas, que instrúen a persoa que recolle o libro sobre o obxecto da liberación de libros e sobre a conveniencia de participar nesta experiencia internacional.

Os libros conterán as instrucións necesarias para facilitar ao lector a súa participación na campaña e estarán rexistrados na páxina web www.bookcrossing-spain.com, onde os lectores poderán indicar o lugar onde liberarán cada exemplar, o cal permite coñecer onde estivo a publicación e quen a leu, así como incorporar o novo lector ao seu diario de viaxe

O día 23 de abril calquera persoa poderá seguir estes pasos con algún dos máis de 3.000 libros que se van liberar en distintos puntos de cada unha das localidades participantes. O obxectivo desta iniciativa é sumar ás bibliotecas dos museos no esforzo para o fomento da lectura e, máis en concreto, na difusión do coñecemento das distintas disciplinas culturais.