Política Lingüística colabora coa Asociación de Escritores en Lingua Galega na promoción deste idioma

O convenio asinado entre as dúas entidades contempla a realización de conferencias e unha importante tarefa de dixitalización de recursos e información sobre escritores e escritoras en lingua galega

Ven, 21/05/2010 - 13:41

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) colaborarán na realización de diversas iniciativas de fomento do uso do galego. Farano a través do convenio asinado entre ambas as entidades, no que se contempla o desenvolvemento de actividades que teñen como obxectivo difundir a lingua e a literatura galegas.

O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, mantivo unha reunión co presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, e mais coa secretaria xeral desta entidade, Mercedes Queixas, no marco do convenio de colaboración, que contempla a realización da quinta edición de Escritores na Universidade, un ciclo de conferencias e de mesas redondas que se consolida como escenario a través do que achegarse aos xéneros narrativo, poético, teatral e ensaístico en lingua galega.

Nesta mesma liña, o convenio entre ambas as entidades favorece a realización da segunda edición da Residencia de Escritoras/es Galegas/os, así como un seminario destinado a poñer en valor a obra literaria dos escritores e das escritoras en lingua galega clásicos e contemporáneos.

Por outra banda, a través do convenio de colaboración con Política Lingüística, a AELG impulsará unha importante tarefa de dixitalización de recursos e información, co fin de incrementar o Centro de Documentación dos Escritores/as instalado no portal web da asociación que preside Cesáreo Sánchez. Este centro de documentación naceu en 2005 co obxectivo de ampliar a fonte informativa e documental de cada escritor e escritora.

Implicación dos axentes sociais na dinamización do galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística mantén unha colaboración permanente con entidades sociais de diferentes ámbitos, co fin de contribuír ao desenvolvemento e á visibilización das súas actuacións senlleiras.

A través de convenios como o asinado coa AELG, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo busca favorecer a actuación de dinamización do galego desde unha perspectiva transversal e da implicación dos axentes sociais.

Menús News node R

Departamento

Colectivo

Ensinanza