A conversión en Centro Integrado do antigo IES A Carballeira, que terá case 400 alumnos máis en dous anos, converterá Ourense en referente da FP para toda Galicia

Ademais do alumnado existente, o centro contará con 168 novas prazas en setembro, e será un revulsivo para a zona de A Carballeira

O novo CIFP será o primeiro en ofertar na modalidade a distancia o ciclo superior en Desenvolvemento de aplicacións web

A medida adoptada pola Consellería de Cultura e Educación permitirá ademais que o centro realice o procedemento de acreditación de competencias

Xov, 18/04/2013 - 18:49

A decisión adoptada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de converter en Centro Integrado de Formación Profesional o antigo IES A Carballeira- Marcos Valcárcel (Ourense) garantirá que en só dous anos haberá preto de 400 alumnos máis por riba dos que xa ten. De feito, xa a partir do vindeiro curso, crearanse 168 novas prazas en primeiro curso en ciclos de FP, polo que a zona na que se ubica beneficiarase do efecto revulsivo que sen dúdiba suporá o centro. O efecto dinamizador derivado de se converter nun referente galego da FP terá efectos positivos na cidade de Ourense onde se precisará máis profesorado de FP, despois do incremento de oferta en ciclos, algúns deles exclusivos. Ademais, o novo CIFP poderá realizar o procedemento de recoñecemento, avaliación e acreditación da experiencia laboral para os profesionais que non dispoñen de certificados ou titulacións oficiais.

Ao abeiro da súa conversión en CIFP, A Carballeira contará no curso 2013/2014 con 6 ciclos formativos máis. Así, o CIFP A Carballeira- Marcos Valcárcel será o primeiro en Galicia en ofertar na modalidade a distancia o ciclo superior en Desenvolvemento de aplicacións web. Ademais, a través da oferta deste centro implantarase por primeira vez na provincia de Ourense a familia profesional de Química, cos ciclos de grao superior en Laboratorio de análise e de control de calidade e de grao medio en Laboratorio. A nova oferta completarase cos ciclos de grao superior en Hixiene Bucodental e en Documentación Sanitaria, os dous polo réxime ordinario. Así mesmo, a oferta xa existente en réxime  de adultos do ciclo medio en Sistemas Microinformáticos e Redes ampliarase para o réxime ordinario.

Desta forma, como centro integrado A Carballeira será referente na cidade de Ourense na oferta de dúas das familias profesionais con máis demanda: a de Sanidade, da que ofertará 9 ciclos formativos, a de Informática e comunicacións, con 8 ciclos e un Programa de Cualificación Inicial (PCPI), así como na de Química. Ademais, a medida que o Ministerio vaia actualizando o catálogo de titulacións poderase ir ampliando o número de ciclos que se impartan no centro.

Tres CIFP da Consellería na provincia

A Carballeira-Marcos Valcárcel é o segundo CIFP que se crea no marco dos compromisos establecidos no plans de Impulso Económico da provincia de Ourense, que contempla a ampliación da rede de CIFP, a adaptación e flexibilización da oferta de FP, así como o desenvolvemento do procedemento de recoñecemento, avaliación e acreditación da experiencia laboral. Desta forma o vindeiro curso a provincia contará con tres 3 centros integrados dependentes da Consellería de Cultura e Educación: A Farixa, Portovello e A Carballeira- Marcos Valcárcel, ambos os dous últimos creados ao abeiro do Impulsa Ourense.

Respecto da continuación de estudos do alumnado que cursaba ata este curso ESO e Bacharelato no centro, todos eles puideron optar a matricularse no IES O Couto, tamén na cidade das Burgas.