O conselleiro de Cultura e Educación presenta á comunidade educativa o proxecto de ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán
Xesús Vázquez Abad comprobou ademais as melloras realizadas no CEIP Salgado Torres
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe á comunidade educativa do CEIP Emilia Pardo Bazán o proxecto de obras de ampliación que o seu departamento vai desenvolver neste centro, e que suporán un investimento de preto de 2 millóns de euros. Deste xeito a Consellería completa as actuacións realizadas neste colexio, no que estudan 661 escolares, ao que tamén se achegaron 151.500 euros para o peche da pista polideportiva, a instalación dun ascensor e melloras no sistema eléctrico e na calefacción.
Así mesmo, no marco da súa visita á Coruña, o conselleiro comprobou as melloras realizadas no CEIP Salgado Torres para a creación de dúas aulas de infantil e a remodelación do comedor escolar. Con esta obra a Consellería levará investido no colexio preto de 110.000 euros desde o ano 2010, ademais da inversión en outros programas educativos.
Con estas actuacións o departamento educativo da Xunta de Galicia amosa o seu compromiso coa comunidade educativas coruñesa. De feito, a ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán vén dar resposta ás necesidades da do barrio dos Rosais, con 9 aulas para que as alumnas e alumnos deste colexio gocen dunhas instalacións nas mellores condicións, corrixindo as eivas das agora existentes.
No seu percorrido polos centros o conselleiro estivo acompañado polo alcalde da Coruña, Carlos Negreira; pola delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo; polo xefe territorial da Consellería na provincia, Indalecio Cabana; e polos directores do Emilia Pardo Bazán, José Manuel García Yanes, e do Salgado Torres, José Fidel Balseiro Gómez.
Ampliación
A ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán, cun orzamento de máis de 2 millóns de euros, suporá a construción de nove aulas, unha sala de usos múltiples, comedor e unha nova zona de administración e aulas de apoio. O aulario levantarase nunha parcela anexa ás instalacións actuais, próxima ao paseo marítimo. Os terreos serán cedidos polo Concello da Coruña á Xunta, en virtude do acordo acadado entre ambas administracións tras varios meses de negociacións, no que tamén se contou coas suxestións dos representantes da dirección do CEIP e da asociacións de pais e nais.
De acordo coas necesidades detectadas pola unidade técnica da consellería, as novas instalacións organizaranse nun novo edificio de 1.500 metroscadrados. No andar baixo localizaranse os servizos comúns, como un comedor con capacidade para 300 rapaces, unha sala de usos múltiples e un local para a ANPA, e no primeiro, as nove aulas cos seus correspondentes aseos, dúas unidades de apoio educativo, unha sala de profesores e unha nova zona de administración.
Melloras no Salgado Torres
Tras presentar o proxecto no colexio dos Rosais o conselleiro visitou o CEIP Salgado Torres, onde comprobou o estado das dependencias tras as obras realizadas para a creación de dúas aulas de infantil e a remodelación do comedor escolar. Con esta obra a Consellería levará investido no colexio preto de 110.000 euros desde 2010, xa que se unen aos traballos xa realizados para mellorar a accesibilidade e a instalación eléctrica do centro.
Desta forma, tal e como salientou Vázquez Abad, a Xunta de Galicia fai unha forte aposta polos centros educativos públicos, poñendo todos os medios dispoñibles para que estes dean resposta ás necesidades da comunidade educativa en cuestións como o incremento de poboación ou a necesidade de conciliar vida laboral e familiar a través do uso do comedor escolar.
Programas educativos
Durante a súa visita ao CEIP Emilia Pardo Bazán o conselleiro interesouse ademais polo funcionamento das seis aulas Abalar que funcionan no centro, das que se benefician máis de 130 alumnas e alumnos, o que supuxo unha achega da Xunta de 74.000 euros; así como polo da biblioteca escolar, cuxa actividade ten apoiado a Consellería cunha achega de 19.000 euros.
Así mesmo, no seu percorrido polo CEIP Salgado Torres, Vázquez Abad tivo a oportunidade de comprobar como están a desenvolverse as actuación ao abeiro do contrato-programa asinado este curso polo centro na modalidade de acompañamento fóra do horario escolar, do que se benefician 45 estudantes do 2º e 3º ciclo. Cómpre recordar ademais que o CEIP Salgado Torres pertence ao Plan de Mellora de Bibliotecas desde o curso 2009-2010, e, desde o 2006 aadministración leva investidos preto de 23.000 euros neste espazo de lectura. Ademais trátase dun colexio con dúas seccións bilingües en lingua inglesa en 2º de Primaria, e conta con dúas aulas dixitais para que os seus 373 alumnas e alumnos poidan familiarizarse co uso das novas tecnoloxías da información e a comunicación desde un punto de vista educativo.