A Consellería de Cultura e Educación dálle un novo impulso á implantación da FP dual en Galicia coa posta en marcha dun segundo proxecto experimental en colaboración con UNVI
A empresa ourensá formará nas súas instalacións a 15 alumnos do ciclo formativo de grao medio en carrozaría
O proxecto combina formación curricular no IES Universidade Laboral con clases e con traballo remunerado na empresa
A Consellería aposta por esta iniciativa como vía para a mellora da inserción laboral dos estudantes da FP
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o presidente da empresa Unidad de Vehículos Industriales S.A. (UNVI), Emilio Pérez Nieto; asinaron hoxe un convenio de colaboración co que se avanza no proceso de implantación do sistema de Formación Profesional dual en Galicia. O proxecto, o segundo destas características que se pon en marcha na comunidade autónoma con carácter experimental, suporá a creación de 15 novas prazas para cursar nesta modalidade remunerada o ciclo medio correspondente ao título de técnico en carrozaría no IES Universidade Laboral de Ourense a partires do próximo curso.
Ao acto, ademais dos asinantes, asistiron o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; o conselleiro delegado de UNVI, Eloy Pérez Martínez; o director xeral da compañía, Javier González pereira; e mais a subdirectora xeral de FP da Consellería, María Eugenia Pérez Fernández
Este é o segundo proxecto experimental que se pon en marcha en Galicia – o primeiro na provincia de Ourense- despois do éxito da iniciativa emprendida pola Consellería , Coremain e o CIFP Politécnico de Santiago con outros 15 estudantes do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de sistemas de telecomunicacións e informáticos.
O novidoso deste proxecto vén dado, precisamente, polo feito de que se combina a formación curricular co traballo remunerado nunha empresa – neste caso UNVI-, na que ademais as alumnas e alumnos recibirán formación complementaria á establecida no currículo formativo correspondente, co fin de reforzar a súa preparación e mellorar a súa empregabilidade. Deste xeito, dos 3 cursos de duración do proxecto, o 19,9 % desenvolverase no centro educativo correspondente, mentres que o restante se levará a cabo nas instalacións de UNVI.
Para poñelo en marcha, abrirase unha convocatoria para seleccionar aos interesados en cursar o ciclo de grao medio en carrozaría ao abeiro deste proxecto. O período formativo desenvolverase no IES Universidade Laboral de Ourense- e nas instalacións de UNVI.
Unha empresa de referencia
A colaboración con UNVI S.A., empresa de referencia dedicada á fabricación de vehículos para o transporte de viaxeiros e vehículos especiais - bibliobuses, oficinas móbiles...- , é de especial importancia pola relevancia da compañía. Non en balde cómpre sinalar que as vendas de UNVI se incrementaron nun 29% no 2012 grazas á exportación, mesmo duplicando as súas vendas fóra de España e Portugal respecto do 2011, malia á crise.
A compañía ourensá caracterízase pola súa forte aposta por un capital humano cun alto coñecemento do sector e por un proceso de produción baseado no concepto de calidade total para acadar o éxito. Así, a formación de profesionais nas súas instalacións ao abeiro da FP Dual é unha garantía para este alumnado de que van ter unha preparación do maior nivel. De feito, unha das vantaxes competitivas de UNVI é o seu alto grado de especialización no deseño e fabricación de carrozarías de gran calidade altamente personalizadas. Isto require un alto grao de capacitación dos seus traballadores, que se lles vai proporcionar ás alumnas e alumnos implicados neste proxecto de FP Dual.
Contrato de traballo
Esta experiencia pioneira de FP dual terá unha duración de 5.280 horas, ao longo de 3 cursos. Delas, 1.989 serán de formación, 1.590 corresponderán a formación curricular que permitirá ao alumnado obter o título de formación profesional (1.050 horas impartiranse no IES Universidade Laboral de Ourense e as outras 540 horas de formación curricular completaranse na empresa), e 399 horas serán de formación complementaria propia da empresa, adicional á establecida no currículo do ciclo. O peso desta parte irá diminuíndo ao longo dos cursos, desde un 50% no 2013 a un 28% no 2015.
Ademais, as alumnas e alumnos realizarán un total de 3.291 horas de traballo efectivo. Desde o 2013 o peso desta parte da preparación irá aumentando: do 50% do primeiro ano ao 72% do último curso. No tempo de traballo efectivo na empresa o estudante terá un contrato de traballo para a formación e a aprendizaxe, de acordo co recollido no título II do RD 1529/2012, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da FP dual. Trátase dun contrato remunerado, polo que o traballador se acollerá ademais ao convenio colectivo da compañía e ás normas da mesmas en materia e normativa laboral. De feito, a retribución fixarase consonte ao estipulado no convenio colectivo, en proporción ao tempo de traballo efectivo que realicen.
A distribución horaria establecerase do seguinte xeito:
|
Curso 2013-2014 |
Curso 2014-2015 |
Curso 2015-2016 |
Total |
|
Formación curricular |
Formación en centro educativo (FCE) |
387 h |
374 h |
289 h |
1.050 h |
Formación en empresa (FEM) |
199 h |
193 h |
148 h |
540 h |
|
Traballo/formación en empresa (TFE) |
Traballo |
880 h |
1.144 h |
1.267 h |
3.291 h |
Formación complementaria |
294 h |
49 h |
56 h |
399 h |
|
Total |
1.760 h |
1.760 h |
1.760 h |
5.280 h |
Seguimento do proxecto
Co fin de garantir o correcto funcionamento do proxecto, a empresa nomeará un titor ou titora para cada estudante, que será responsable do seguimento da actividade formativa e da súa coordinación coa laboral; así como da comunicación co centro educativo. Así mesmo, o IES Universidade Laboral designará un docente como titor ou titora responsable de seguir a formación, coordinar a avaliación, e servir como interlocutor coa empresa.
Ademais, establecerase unha comisión de seguimento, control e supervisión do proxecto, constituída por membros da Consellería, do CIFP e da compañía.
Unha oportunidade para a economía galega
A iniciativa experimental da FP dual supón, ademais dun beneficio engadido para os estudantes, unha oportunidade para as empresas. Desta forma, a compañía poderá formar a futuros profesionais, dándolles coñecementos específicos axustados ás necesidades reais do sector en Galicia.
A Consellería traballa na liña de impulsar este sistema de formación en colaboración con outras empresas galegas, de tal xeito que as sinerxías redunden nun avance para a nosa economía e para o tecido socio-produtivo.