Educación participa no V Encontro Thao, celebrado en Santiago, que presenta un programa destinado a previr a obesidade infantil

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, apostou na súa intervención polo fomento do exercicio cotián desde o sistema e dos ámbitos familiares

Xov, 20/05/2010 - 20:45

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria participa no V Encontro Thao que foi inaugurado hoxe en Santiago de Compostela, e que será clausurado maña no Auditorio de Galicia. Unha actividade que ten como obxectivo implicar aos municipios na loita contra a obesidade infantil a través da prevención e dunha correcta alimentación. Consellería xa demostra a súa implicación no fomento dunha boa alimentación a través da súa colaboración e participación en campañas a prol do deporte e dunhas boas bases.

Algo que xa demostrou na súa implicación en campañas como “Meréndate o gol”, xunto coa secretaría xeral do Deporte. Así como no proxecto piloto de impulso de consumo de peixe “O sabor da aventura está no mar”, que este mediodía se desenvolveu no CEIP de Curtis. Unha actividade na que están implicados o conselleiro de Educación Xesús Vázquez Abad, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a de Sanidade, Pilar Farjas. Unha iniciativa promovida pola Xunta a través da colaboración da Consellería do Mar, a Consellería de Educación e a Consellería de Sanidade.

Esta iniciativa piloto estenderase a un total de 6 centros públicos durante o mes de maio. Estes colexios son, ademais do CEIP de Curtis, o CEIP San Xoán Bautista, de Cerdedo, o CEIP de Beariz; o CEIP Emilia Pardo Bazán, de Leiro; o CEIP Mariñamansa, de Ourense, e o CEIP Dr. López Suárez, de Friol.

Recomendacións para unha boa dieta

Durante o acto de inauguración, a Consellería estivo representada polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, que durante a súa intervención recordou que “os comedores dos centros educativos galegos asumen as recomendacións científicas máis actualizadas para confeccionar unha dieta saudable que redunda no benestar da nosa infancia e da nosa mocidade. Neste ámbito, o Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo desenvolve unha ampla e eficaz regulación dos comedores escolares nunha comunidade como a nosa, que se sitúa entre as primeiras de España tanto en número de usuarios como na calidade dos seus servizos”.

José Manuel Pinal dixo que “cada vez é máis necesaria unha Educación para a Saúde: a adquisición e difusión de coñecementos, a promoción de hábitos no contexto dun estilo de vida san e transparente. En suma, un novo xeito de vivirmos a vida: un novo criterio, cuxo principal horizonte é o logro dun desenvolvemento persoal, familiar e comunitario máis harmónico con nós mesmos e co noso contorno social, xeográfico e cultural”.

Os participantes

No acto de apertura tamén participaron o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; o presidente da Fundación Thao, Henri García; o técnico da división de programas de saúde da Organización Mundial da Saúde (OMS), Joao Breda; un representante da Fundación Española de Nutrición, José Manuel Ávila; o reitor da USC, Senén Barro Ameneiro; e o presidente de AESAN (Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición), Roberto Sabrido Bermúdez.

Nas actividades desenvolvidas pola Fundación Thao están implicados 38 concellos españois desde os que se fomenta a prevención de enfermidades, o coñecemento de medidas de hixiene, así como a promoción dos hábitos e estilos de vida saudables, especialmente nos centros educativos do termo municipal.

O encontro celebrouse nesta edición en Santiago de Compostela con motivo do Ano Santo, Xacobeo 2010. Ata mañá os preto de cen representantes dos concellos españois e dos países sudamericanos onde se desenvolve o proxecto asistirán á conferencia ‘Epidemia global da Obesidade: o largo camiño da raza humana cara a súa grandeza’, impartida por Benjamin Caballero, profesor de Pediatría, Nutrición e Saúde Internacional das facultades de Medicina e Saúde Pública da Universidade Johns Hopkins, Baltimore (EEUU).

Ademais asistirán ás dúas mesas de coloquios programadas para mañá e moderadas polo coordinador nacional do Programa Thao, Rafael Casas; e o concelleiro de Sanidade de Santiago, Andrés Fariña.