O proxecto de Lei do SUG e a lei andaluza de universidades respectan na súa redacción a normativa básica estatal nesta materia

Diante das acusacións de plaxio da normativa andaluza, é necesario sinalar que as similitudes entre artigos de ambas se derivan de disposicións que fan referencia a un real decreto e á Lei Orgánica de Universidades

Mar, 09/04/2013 - 18:37

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, diante das acusacións de plaxio da normativa andaluza en materia de universidades realizadas por un deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) en sede parlamentaria no debate da totalidade de emendas do proxecto de Lei do Sistema Universitario de Galicia, quere aclarar que tanto a lei andaluza como o proxecto de lei galego recollen e respectan a normativa básica estatal  en materia de universidades, polo que non se pode falar de copia.

Cómpre sinalar, neste sentido, que o proxecto de Lei do SUG debe respectar a devandita normativa. É o caso, por exemplo, do artigo que se refire aos requerimentos específicos para a creación de universidades privadas, que debe axustar ao Real Decreto 557/1991, de 12 de abril, sobre creación e recoñecemento de universidades e centros universitarios; aprobado durante a presidencia de Felipe González e aínda vixente. Tanto a lei andaluza, como o proxecto presentado hoxe no Parlamento de Galicia recollen o espírito do artigo 11.a do devandito Real Decreto.

Por outra banda, é necesario que calquera normativa autonómica – e o proxecto de lei do SUG así o fai- se axuste á vixente Lei Orgánica 6/2011 de Universidades -modificada pola lei orgánica 4/2007- (LOU). Así, algúns artigos, como os referidos aos institutos universitarios de investigación ou aos ingresos das universidades, foron redactados tanto na lei andaluza como no texto galego en base á LOU, de aí as súas similitudes.

En calquera caso, a Consellería recorda que no proceso de elaboración do proxecto de lei todos os axentes implicados foron informados das fontes de referencia para a redacción do texto. Deste xeito, todos foron informados de que, como é habitual n os procesos lexislativos, os redactores do proxecto se inspiraron tanto na normativa básica estatal como na lexislación galega anterior e en normativas de outras Comunidades Autónomas. De feito, houbo un consenso xeralizado para que a lei galega contase cun artigo como o da de Andalucía para regular a publicidade fraudulenta de institucións non universitarias.