Expertos de 11 países visitan Galicia para coñecer o sistema de ensinanzas de adultos da Consellería de Cultura e Educación

A experiencia enmárcase no programa ‘Educación para adultos en España: unha mirada a Galicia’

Lun, 08/04/2013 - 19:18
 Expertos de 11 países visitan Galicia para coñecer o sistema de ensinanzas de a
Expertos de 11 países visitan Galicia para coñecer o sistema de ensinanzas de adultos da Consellería de Cultura e Educación

Un grupo de expertos de 11 nacionalidades foi recibido esta mañá na Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no marco da visita que realizan esta semana a Galicia para coñecer o sistema de ensinanzas de adultos da Consellería. No marco do programa ‘Educación para adultos en España: unha mirada a Galicia’ a experiencia ten como obxectivo amosar as oportunidades que a Consellería dá ás galegas e galegos que desexan retomar os seus estudos para mellorar a súa cualificación, máis nos actuais tempos nos que a formación ao longo da vida é fundamental para o acceso ao mercado laboral.

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, recibiu a este grupo de expertos en educación de adultos esta mañá na Consellería, unha delegación conformada por persoas procedentes de Hungría, Portugal, Dinamarca, Gran Bretaña, Austria, Suecia, Macedonia, Alemaña, Italica, Estonia e Irlanda. A experiencia foi organizada polo Organismo Autónomo de Programas Educativos Europeos e o Centro Europeo para o Desenvolvemento da Formación Profesional (Cedefop).

Ao longo da semana os visitantes terán a oportunidade de coñecer en primeira persoa a ampla rede de centros galegos nos que se imparten ensinanzas para adultos, desde as básicas, de secundaria e de bacharelato ata os ciclos de formación profesional. Así, o programa contempla visitas ao Centro Autonómico de Formación e Innovcaión (CAFI), o Centro de educación para adultos Albeiros (Lugo), e do centro penitenciario de Monterroso (Lugo), así como a varios IES e CIFPs.