Cultura e Educación avanza a ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán co envío ao concello da Coruña do proxecto para a obtención da licenza municipal

A ampliación permitirá dar resposta ás necesidade educativos do barrio dos Rosales con 225 novas prazas para o alumnado

Crearanse nove aulas, unha sala de usos múltiples, un comedor, unha nova zona de administración e dúas unidades de apoio

Ven, 05/04/2013 - 16:22

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de dar un novo impulso á ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán co envío á Coruña do proxecto para a obtención da licenza municipal. Unha vez obtida, procederase a publicar a licitación dos traballos. A Consellería ten previsto un incestimento de preto de 2 millóns de euros para esta mellora no centro.

Desta forma a Consellería reitera o seu compromiso coa comunidade educativa da Coruña, dando resposta ás necesidades de escolarización do barrio dos Rosales. De feito, a ampliación suporá a creación de 225 prazas para alumnos.

Novo aulario

A ampliación do centro suporá a construción de nove aulas, unha sala de usos múltiples, comedor e unha nova zona de administración e aulas de apoio. O aulario levantarase nunha parcela anexa ás instalacións actuais, próxima ao paseo marítimo. Os terreos serán cedidos polo Concello da Coruña á Xunta, en virtude do acordo acadado entre ambas administracións tras varios meses de negociacións, no que tamén se contou coas suxestións dos representantes da dirección do CEIP e da asociacións de pais e nais.

De acordo coas necesidades detectadas pola unidade técnica da consellería, as novas instalacións organizaranse nun novo edificio de 1.500 metros cadrados. No andar baixo localizaranse os servizos comúns, como un comedor con capacidade para 300 rapaces, unha sala de usos múltiples e un local para a ANPA, e no primeiro, as nove aulas cos seus correspondentes aseos, dúas unidades de apoio educativo, unha sala de profesores e unha nova zona de administración.