Cultura e Educación destinará nesta anualidade 1.023.000 euros ás obras da nova escola de Betanzos

A Consellería licitará nas vindeiras semanas os traballos, que contan cun orzamento total de 3,4 millóns de euros

Ven, 22/03/2013 - 15:12

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria licitará nas vindeiras semanas as obras de construción da nova escola de educación infantil (EEI) de Betanzos (A Coruña), ás que destinará nesta anualidade de 2013 un orzamento de 1.023.524 euros para iniciar a primeira fase dos traballos.  Coa partida prevista para 2013, que supón un importante esforzo económico no contexto actual, a Consellería reitera o seu compromiso real coa construción deste centro de infantil e primaria que, dando resposta ás necesidades de escolarización neste municipio coruñés. A Consellería ten previsto investir na construción desta escola máis de 3,4 millóns de euros.

O proxecto escollido, de entre 28 propostas de gran calidade presentadas ao concurso público, contempla a construción dun centro de 15 unidades, coa previsión, no propio proxecto, dunha ampliación nunha segunda fase ata acadar as 18 aulas, en función da demanda real existente. Deste xeito retómase a idea do proxecto inicial, despois de que no ano 2008 se reducira a 15 unidades.

Esta obra é boa proba do compromiso da Xunta co ensino público galego, poñendo a disposición da cidadanía unha oferta educativa de calidade en centros públicos. Isto prodúcese,a demais, nun contexto de crise económica no que as licitacións case non se están a producir en outras Comunidades Autónomas.

CEIP de Nós (Oleiros)

Por outra banda, o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén, reuniuse esta mañá co alcalde da localidade coruñesa de Oleiros, Ángel Seoane, ao que lle comunicou que ao longo do mes de abril se enviará o proxecto do novo CEIP de Nós ao Concello para a obtención da licenza municipal. o obxectivo é poder adxudicar a obra este mesmo ano.

Con este centro a Consellería dará resposta ás necesidades educativas deste concello da área metropolitana da Coruña. O novo colexio contará con 6 unidades de educación infantil e 12 unidades de educación primaria, e suporá un investimento arredor de 3,8 millóns de euros.