Cultura e Educación recorda ás ANPAS que van ser as maiores beneficiadas pola ampliación da rede de comedores escolares xestionados pola Consellería

O departamento educativo da Xunta de Galicia vai asumir 6.800 prazas das que agora xestionan as asociacións de nais e pais, algo demandando por eles mesmos

Deste xeito, nos comedores da Consellería haberá 11.000 prazas gratuítas máis que co Bipartito

Xov, 21/03/2013 - 13:32

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria lamenta que a Confederación Galega de APAs de Centros Públicos (CONFAPA GALICIA) non lembre as súas reiteradas demandas á Consellería para que asumira a xestión dos comedores escolares e intente agora facer demagoxia, pretendendo estender un modelo inxusto de copago instaurado polo Bipartito. Neste sentido Cultura e Educación recordar que as ANPAS van ser as maiores beneficiadas pola ampliación da rede de comedores escolares xestionados pola Consellería, que vai asumir de aquí ao curso 2016/2017 un total de 6.800 prazas en comedores agora xestionados polas nais e pais, dando resposta ás peticións destas asociacións, que solicitaban verse liberados da carga que supón ofrecer este servizo complementario.

Cómpre sinalar, ademais, que o novo sistema de prezos públicos constitúe unha medida social deste Goberno, co que case o 70% dos usuarios gozarán de gratuidade total ou terán que pagar tan só un euro. Polo tanto, establecendo os pagos en función aos niveis de renda, o novo sistema é moito máis equitativo que o actual, instaurado polo Bipartito, no que familias con altos ingresos económicos están a gozar da gratuidade nos menús.

Esta medida vai permitir que nos comedores xestionados pola Consellería haxa 11.000 prazas gratuítas máis que as que había no último curso do Bipartito, o 60% das máis de 18.000 prazas que se van asumir ao longo das 2 lexislaturas. Garántese, ademais, a colaboración da sociedade galega para que, nestes momentos de crise económica, quen máis ten axude a que as familias con menos ingresos poidan seguir tendo este servizo gratis. Ademais, constitúe unha importante aposta do departamento educativo da Xunta de Galicia a prol da conciliación da vida laboral e familiar.