Cultura e Educación cubrirá ao longo da lexislatura a totalidade da demanda existente na actualidade nos comedores da Consellería e asumirá o 60% dos xestionados polas ANPAS

A ampliación da rede autonómica de comedores escolares permitirá en 2016 atender a 9.195 usuarios máis baixo a xestión da Consellería, 18.305 máis que no último curso do Goberno Bipartito

A Consellería presentou hoxe en rolda de prensa as medidas para acadar este fito, así como a actualización das taxas nas ensinanzas de réxime especial

Mér, 13/03/2013 - 13:59
O secretario xeral técnico, Jesús Oitavén, e o director xeral de Centros e Recur
O secretario xeral técnico, Jesús Oitavén, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, presentaron as novidades anunciadas no Parlamento en materia de comedores escolares e ensinanzas de réxime especial

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria asumirá ao longo da presente lexislatura a xestión de 9.195 prazas de comedor escolar, de tal forma que no curso 2016/2017 serán un total de 66.805 os usuarios que empreguen este servizo complementario baixo a xestión da Consellería. Para acadar este fito, o departamento educativo da Xunta de Galicia asumirá o 60% dos comedores que levan na actualidade as ANPAS, o que suporá 6.800 prazas. Ademais, crearanse 2.385 prazas nos comedores de xestión – directa ou indirecta- da Consellería, dando así resposta ao 100% da demanda insatisfeita nestes momentos.

O secretario xeral técnico, Jesús Oitavén; e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal; presentaron hoxe en rolda de prensa as medidas para acadar este fito na ampliación da rede autonómica de comedores escolares, permitirá en 2016 atender a 9.195 usuarios máis baixo a xestión da Consellería, 18.305 máis que no último curso do Goberno Bipartito.

Así mesmo, presentouse a actualización das taxas das ensinanzas de réxime especial, actualmente rexidas por un decreto de 2006, e coas que a Consellería subvencionará entre o 82,38 e o 96,49% do custe destas ensinanzas. Ademais, Galicia continuará a ser das Comunidades Autónomas coas taxas máis baixas en conservatorios profesionais e superiores de música, escolas superiores de arte dramática e ensinanzas superiores de artes plásticas e deseño.

Gratuidade total para as rendas baixas

A ampliación da rede de comedores céntrase en dar resposta ás crecentes necesidades de medidas que favorezan a conciliación entre a vida familiar e laboral. Ademais establecerase un novo sistema de prezos públicos máis equitativo para que as familias con rendas máis baixas poidan seguir a gozar da gratuidade total neste servizo, malia ao importantísimo esforzo orzamentario que supón por parte da Consellería, de máis de 5,7 millóns de euros ao longo da lexislatura.

Segundo as previsións, cos novos prezos públicos o 56,74% dos usuarios do comedor escolar serán beneficiarios da gratuidade total, o 10,87% aboará 1 euro ao día, o 8,41% aboará 2,50 euros ao día e o 23,99% aboará 4,50 euros ao día. O cálculo do prezo público que deberán pagar establecerase en base a tres grupos diferenciados de familia e, dentro deles, a intervalos de renda neta per cápita.

Desta forma, tal e como explicou o secretario xeral técnico, o 77,5% das familias numerosas gozarán da gratuidade total, e o 22,5% restante a realizará o pagamento do importe mínimo (1,00 euro por fillo e día, 18 euros de media por cada fillo ao mes). No caso das familias con dous fillos estímase que o 67,59% terán gratuidade total, o 7,33% aboarán 1 euro ao día por cada fillo, o 4,72% 2,5 euros e o 20,36% pagarán 4,5 euros. O 50,81% das familias cun só fillo gozará da gratuidade total do servizo, o 11,60% aboará 1 euro ao día, o 10,49% satisfará unha taxa de 2,5 euros e o 27,02% pagará 4,5 euros.

Neste contexto, ademais, deixará de vincularse a condición de usuario de transporte escolar coa gratuidade total. En calquera caso, o persoal que colabora no comedor – directores, encargados, profesorado e pais e nais do alumnado- continuarán a ter o tratamento de usuarios gratuítos. O persoal non colaborador, que xa viña abonando un prezo público, deberá pagar o custe so servizo, un total de 4,5 euros.

O novo sistema permitirá acadar un incremento de 9.000 prazas xestionadas pola Consellería, ao tempo que constitúe unha situación máis equitativa para os usuarios, que contribuirán á ampliación e sostemento do servizo cunha achega acorde ás súas posibilidades económicas.

Terase en conta a renda per cápita neta anual das familias, tendo en conta a todos os membros da unidade familiar –fillos en idade escolar e non escolar, etc-.

Pago

Familias

Ingresos per cápita 

Gratuidade total

Independentemente do número de membros

Renda per cápita neta anual inferior aos 7.000,00 euros

1 euro por cada fillo ao día

Con 1 ou 2 fillos en idade escolar (independentemente do número total de membros da unidade familiar)

Renda per cápita neta anual entre os 7.000,01 e os 8.000,00 euros

1 euro por cada fillo ao día

Con 3 ou máis fillos en idade escolar (independentemente do número total de membros da unidade familiar)

Renda per cápita neta anual superior aos 7.000,01 euros

2,50 euros por cada fillo ao día

Con 1 ou 2 fillos en idade escolar (independentemente do número total de membros da unidade familiar)

Renda per cápita neta anual entre os 8.000,01 e os 9.000,00 euros

4,50 euros por cada fillo ao día

Con 1 ou 2 fillos en idade escolar (independentemente do número total de membros da unidade familiar)

Renda per cápita neta anual superior aos 9.000,01 euros

Por exemplo, unha familia composta por 4 membros: pai, nai, un neno de 6 meses, e outro de 7, por tanto, cun só fillo en idade escolar; sería beneficiaria de gratuidade total se a súa renda anual non supera os 28.000 euros netos (4 membros x 7.000 euros cada un).

Ensinanzas de réxime especial

Durante a rolda de prensa os representantes da Consellería explicaron ademais polo miúdo a actualización das taxas académicas que se vai realizar nas ensinanzas de réxime especial – artísticas, deportivas, e de idiomas-, cuxos prezos públicos se corresponden aínda na actualidade cos fixados polo Decreto 147/2006, do 31 de agosto (DOG 8 de setembro). Con esta actualización regularanse tamén as taxas para as ensinanzas deportivas, que ata o momento non estaban incluídas no decreto.

Cos novos prezos públicos a Consellería subvencionará polo menos un 82,38% do custe total da ensinanza – no caso das Escolas Oficiais de Idiomas-, ata un 96,49% no caso dos Conservatorios Elementais de Música e Danza. Ademais, Galicia continuará a estar entre as Comunidade Autónomas coas taxas máis baixas en conservatorios profesionais e superiores de música, escolas superiores de arte dramática e ensinanzas superiores de artes plásticas e deseño. Así, un estudante do conservatorio superior de música aboará en Galicia 483 euros, fronte aos 2.121,60 euros de Cataluña, Comunidade na que tamén se aboan ata 1.023 euros pola matrículas nas ensinanzas superiores de artes plásticas e deseño, fronte aos 295 que se aboarán en Galicia tras a actualización.

Ademais, as taxas das ensinanzas de réxime especial manteranse por baixo da media española na meirande parte dos casos. Só nas Escolas Oficiais de Idiomas se supera a media, cunha taxa de 105 euros – fronte aos 94,05 de promedio estatal. A contía que o alumnado galego terá que aboar queda moi por debaixo do promedio do resto das Comunidades nos casos  dos conservatorios superiores de música, nos que a media é de 1.178,89 euros, nas escolas superiores de arte dramática – media de 921,40 euros- e nas ensinanzas superiores de artes plásticas e deseño – media de 573,71 euros-. Os prezos actualizados serán os seguintes:

 

Prezo público actual

Novo prezo público

EOIs

81,00

105

Ensinanzas deportivas (media)

0

168

Conservatorios elementais de música

101

150

Conservatorios profesionais de música

161

245

Conservatorios superiores de música

311

483

Escolas superiores de arte dramática

311

483

Ensinanzas superiores de artes plásticas e deseño

191

295