A Consellería de Cultura e Educación presenta en Vigo o ‘Quebranoces’ do Centro Coreográfico Galego coa participación de 50 alumnas de danza da cidade

O Auditorio Mar de Vigo acolle este sábado a función coa que a unidade de danza da Agadic finaliza primeira quenda de representacións desta montaxe, que foi vista xa por más de 13.400 espectadores noutros sete escenarios galegos

As escolas viguesas Hannelore, Esperanza Arrondo, Susana Castro e Mayeusis, así como a Maite Quiñones de Cangas, colaboran nesta posta en escena na que as estudantes comparten escenario cos bailaríns profesionais do CCG

Mercedes Suárez coordinou esta produción, na que interviñeron máis de 400 rapaces e rapazas de 14 centros de danza de toda Galicia

Mér, 13/03/2013 - 13:56
A Consellería de Cultura e Educación presenta en Vigo o ‘Quebranoces’ do Centro
A Consellería de Cultura e Educación presenta en Vigo o ‘Quebranoces’ do Centro Coreográfico Galego coa participación de 50 alumnas de danza da cidade

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria finaliza esta sábado 16 de marzo en Vigo a primeira fase de representacións do Quebranoces do Centro Coreográfico Galego (CCG), versión do famoso ballet de Tchaikovski e Petipa que será representada ás 18.00 horas no Auditorio Mar de Vigo coa participación de medio centenar de alumnas de danza da cidade con idades comprendidas entre os 8 e os 17 anos.

As rapazas seleccionadas polo CCG cursan estudos no Conservatorio de Música e Danza Mayeusis e nas escolas de danza Hannelore, Esperanza Arrondo e Susana Castro de Vigo que, xunto coa Maite Quiñones de Cangas, colaboran co CCG no desenvolvemento da posta en escena deste sábado, a décimo terceira desde a estrea do Quebranoces o pasado mes de decembro en Vilagarcía de Arousa.

Público familiar

Desde entón, este primeiro espectáculo especificamente pensado para público familiar da unidade de danza da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) congregou xa máis de 13.400 espectadores nas funcións ofrecidas noutros sete escenarios de toda Galicia e para as que contou, así mesmo, coa implicación directa de diferentes escolas e conservatorios de cada unha das zonas. En  total, nesta primeira etapa terán participado máis de 400 alumnos dunha quincena de centros de danza.

A responsable do Centro Coreográfico, Mercedes Suárez, encargouse da dirección escénica e da coordinación desta produción, na que os estudantes acompañan en escena ao elenco profesional da compañía pública: Ástrid Molinero, Ariel A. Caramés, Miguel A. Ponte, Ailen Ramos e María Amparo Alemany. Estes bailaríns dan vida os case que 20 personaxes do ballet, con pezas tan coñecidas como a Danza rusa, o Vals das flores ou a Danza da Fada de Azucre, mentres que os rapaces interpretan os anxos, os ratos, os soldados e os nenos do Petit Galop, entre outros personaxes.

Colaboración directa coas escolas

A chegada aos escenarios deste Quebranoces supuxo a culminación dun longo proceso aberto e participativo que deu comezo a finais de 2011 coas audicións aos alumnos dos centros colaboradores. De feito e máis alá da súa exhibición pública, esta proposta ten como prioridade impulsar unha liña de traballo común entre o CCG e as escolas galegas de danza co obxectivo de captar novos espectadores para esta disciplina artística, así como de incentivar a motivación de estudantes e profesores mediante a súa implicación directa no desenvolvemento dunha produción coreográfica a nivel profesional.

O Quebranoces, que ten previsto retomar o seu percorrido polos escenarios na segunda metade do ano, é ademais a primeira produción de danza clásica acometida pola compañía pública desde a súa creación hai seis anos. Nela, ofrécese unha versión que respecta rigorosamente os canons interpretativos da composición e coreografía orixinais do célebre ballet, no que Tchaikovski puxo música á adaptación asinada por Alexandre Dumas a partir do conto O Quebranoces e o rei dos ratos de Hoffmann.

Porén, nesta posta en escena o espectador recoñece símbolos e trazos do imaxinario popular galego. Así, entre outros elementos, destaca unha escenografía que recrea as galerías brancas da Mariña coruñesa, o vestiario inspirado nas míticas figuras de Sargadelos e a indumentaria do exército de soldados que lembra algúns dos máis famosos personaxes do Entroido ourensán.

Venda de entradas

A venda anticipada de entradas para a representación deste sábado 16 está xa dispoñible a través do web www.servinova.com, mentres que o día da función poderán adquirirse no despacho de billetes do Auditorio Palacio de Congresos Mar de Vigo entre as 16.00 e as 18.00 horas. O prezo por localidade vai dos 10 aos 12 euros, máis gastos de xestión.