Cultura e Educación presenta en Bruxelas os resultados do proxecto ‘Memoria Acústica Europea’ cunha exposición na Fundación Galicia Europa

A directora da oficina da fundación en Bruxelas inaugurou hoxe esta mostra interactiva no transcurso dun acto no que tamén participaron representantes da axencia europea EACEA, da Agadic e do colectivo galego Escoitar.org

A Axencia Galega das Industrias Culturais lidera o proxecto, para o que conta con outros catro socios europeos, coa finalidade de poñer en valor a paisaxe sonora como patrimonio inmaterial e afondar na súa contribución á diversidade cultural

A exposición inclúe instalacións que reproducen os sons recollidos nos traballos de campo, cartografías sonoras e puntos de escoita interactiva, entre outros materiais

Lun, 11/03/2013 - 19:20
Cultura e Educación presenta en Bruxelas os resultados do proxecto ‘Memoria Acús
Cultura e Educación presenta en Bruxelas os resultados do proxecto ‘Memoria Acústica Europea’ cunha exposición na Fundación Galicia Europa

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria inaugurou esta tarde na oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa,  unha exposición sobre auralidade e paisaxe sonora a través da que se comparten os primeiros resultados do proxecto Memoria Acústica Europea (European Acoustic Heritage), liderado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) no marco do programa Cultura da Unión Europea.

O acto de apertura foi presentado por Ana Ramos, directora da oficina da Fundación Galicia Europa na capital belga, quen estivo acompañada polos representantes da Axencia Executiva de Educación, Audiovisual e Cultura (EACEA) da UE, da Agadic e de Escoitar.org, colectivo este último que participa como socio no proxecto xunto co centro para a investigación acústica Cresson de Grenoble (Francia), a Academia Austríaca das Ciencias Phonogrammarchiv de Viena e a Universidade de Tampere, en Finlandia.

Cartografías sonoras

Esta mostra itinerante, que visitou xa Tampere e Grenoble, ofrécelles aos visitantes a oportunidade de se achegar a unha cartografía xeral pola que se accede aos múltiples mapas sonoros elaborados polos colectivos e institucións europeas de xeito individual nos últimos anos; así como de se achegar a outra, máis específica, que se centra nos estudos dos sons da auga e na que Galicia participou activamente.

Entre outro material didáctico e interactivo, destaca unha canle de vídeo a través da que se ofrecen entrevistas sobre memoria acústica realizadas en Galicia e Francia, así como un punto de escoita espacializado que permite mesturar as dez composicións da paisaxe sonora seleccionadas a través dun certame público internacional para artistas sonoros e compositores.

Ademais, e coincidindo coa chegada desta mostra itinerante a Bruxelas, a sede da Fundación Galicia Europa, entidade adscrita á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, acollerá mañá un encontro entre os representantes das entidades que están a participar nesta iniciativa para detallar e valorar os primeiros resultados do proxecto, así como as actividades que se desenvolverán ata a súa finalización.

A paisaxe sonora como patrimonio inmaterial

Os traballos de Memoria Acústica Europeabotaron a andar en 2011 co obxectivo de poñer en valor a paisaxe sonora como patrimonio inmaterial, afondando ao tempo na súa contribución á diversidade cultural europea. A súa finalidade é estudar a relevancia dos sons da nosa contorna desde unha perspectiva histórica e cultural para determinar o seu valor como patrimonio inmaterial e a súa importancia na configuración da paisaxe sonora europea, atendendo tanto ás particularidades como ás similitudes acústicas que se producen neste contexto tan amplo.

Desenvolvida no marco Programa Cultura 2007-2013 da Comisión Europea e cun orzamento global de 354.391 euros, trátase dunha iniciativa a tres anos. Na súa primeira fase, os diferentes grupos encargáronse da gravación dos sons representativos da cidade e do ámbito doméstico co obxectivo de analizar os signos distintivos da paisaxe sonora contemporánea e histórica de cada unha das áreas xeográficas definidas. Neste sentido, téntase recuperar os sons característicos dos espazos obxecto de análise e desaparecidos ao longo da historia, dende a idade dos metais ata a revolución industrial, antes da popularización do fonógrafo.

Ademais de sinalar e catalogar aqueles sons actuais que estean en risco inminente de desaparición ou absorción, realizouse un amplo rexistro sonoro por categorías (sons naturais, oficios tradicionais, mecánicos, industriais, sinais acústicos, interacción social, silencios, eventos sonoros e outros) a partir dos que se busca identificar e definir o que podería ser a memoria acústica europea.

Máis información en: http://europeanacousticheritage.eu/