Jacobo Sutil toma posesión como director da Axencia Galega das Industrias Culturais, dependente de Cultura e Educación

Xesús Vázquez Abad presidiu o acto, no que subliñou as “calidades profesionais de Jacobo Sutil para procurar a viabilidade empresarial e financeira dos diversos proxectos sectorizados das nosas industrias culturais”

Lun, 11/03/2013 - 13:33
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presidiu a toma d
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presidiu a toma de posesión de Jacobo Sutil como director da Axencia Galega das Industrias Culturais

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presidiu hoxe o acto de toma de posesión de Jacobo Sutil Nesta como director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), tras recibir o nomeamento o visto e prace no Consello da Xunta do pasado xoves 7.

Vázquez Abad solicitoulle ao novo director “o máximo compromiso e eficiencia na xestión dos recursos e o máximo respecto cos nosos axentes culturais, creadores e artistas para, entre todos e todas, acadar o que Galicia necesita, unhas industrias culturais dinámicas, competitivas e innovadoras.”

Na toma de posesión estiveron presentes, ademais da familia e achegados de Sutil Nesta, o equipo da Consellería, así como unha nutrida representación do mundo da cultura galega.

Jacobo Sutil Nesta é licenciado en Ciencias Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela, na rama de Fontes de Financiamento e realizou o MBA da Escola de Negocios Caixanova e co Máster en Dirección Financeira e Control de Xestión de CESMA Business School.

O novo director da Agadic desenvolveu a súa carreira profesional en diferentes postos de responsabilidade, no eido da xestión orzamentaria, finanzas, negociación e desenvolvemento de novos produtos.

Este nomeamento únese á activación das tres redes de distribución de espectáculos da Agadic, de tal forma que a engrenaxe de actuación da axencia funciona xa a pleno rendemento para facer fronte aos novos retos. Entre eles cómpre salientar a posta en marcha dun novo programa de difusión escénica, que está destinado a propiciar a proxección das compañías de teatro galego en Portugal, potenciar a comunicación intercultural, o intercambio no marco da lusofonía e, en definitiva, a internacionalización da industria cultural galega. Para a activación das tres redes e máis para o impulso desta nova iniciativa, a Consellería destina un orzamento de máis de 658.000 euros.