Cultura e Educación e o Pen Club Galicia celebran o 15 e 16 de marzo no Gaiás a V Bienal Literaria “De pedra e de palabra”

Abordarase a relación de Galicia coa literatura procedente de diversas rexións de Europa e contará coa presenza de escritores como Luz Pozo, Ramón Nicolás, Diego Ameixeiras, Luis Mateo Díez, Clara Usón ou Massimo Saltafuso

O sábado 16 terá lugar no Museo Centro Gaiás a presentación da Antoloxía xeral da poesía galega “Sinfonía Atlántica”

Sáb, 09/03/2013 - 10:05
 Cultura e Educación e o Pen Club Galicia celebran o 15 e 16 de marzo no Gaiás a
Cultura e Educación e o Pen Club Galicia celebran o 15 e 16 de marzo no Gaiás a V Bienal Literaria “De pedra e de palabra”

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria xunto co Centro PEN de Galicia celebran os vindeiros 15 e 16 de marzo no Museo Centro Gaiás a V Bienal Literaria “De pedra e de palabra”, dúas xornadas nas que a literatura será a protagonista indiscutible e que contará con escritores galegos de recoñecido prestixio como Ramón Nicolás, Diego Ameixeiras ou Luz Pozo Garza e de fóra das nosas fronteiras como Luis Mateo Díez, Clara Usón ou Massimo Saltafuso.

Creada en 2006 co obxectivo de darlle visibilidade á literatura galega, a Bienal Literaria do Centro PEN chega este ano ao Gaiás no marco da mostra Gallaecia Petrea, en exposición no Museo Centro Gaiás ata o 31 de marzo. Tras abordar o diálogo de Galicia coas letras veciñas, voces de África e Asia ou as fondas relacións da nosa comunidade con América, esta V Bienal Literaria servirá para achegarnos a diferentes tipos de literatura procedentes de diversas rexións de Europa e coas que Galicia non tivo un gran vínculo ata o de agora.

Programa

Polo Gaiás pasarán un total de cincuenta escritores, xornalistas, críticos, profesores editores e demais axentes que participan da escritura creativa, da industria do libro e da promoción da lectura ao longo do venres 15 e do sábado 16 de marzo.

A apertura será a cargo dos recoñecidos escritores Ramón Nicolás e Román Raña e tras eles chegará a quenda do profesor Massimo Saltafuso. A mañá da primeira xornada completarse cunha visita á exposición Gallaecia Petrea. Xa pola tarde, o Museo Centro Gaiás contará coa presenza da escritora barcelonesa Clara Usón e os galegos Bieito Iglesias e Diego Ameixeiras, pechando a xornada o escritor leonés –que ven de gañar esta semana o premio Francisco Umbral–,Luis Mateo Díez.

Presentación de “Sinfonía Atlántica”

No marco desta V Bienal Literaria terá lugar a presentación-recital de Sinfonía Atlántica, antoloxía xeral da poesía galega editada por Eneida e que introducirá Carlos Clementson. Neste recital, que terá lugar a mañá do sábado, participará Luz Pozo Garza, Salvador García Bodaño, Manuel Álvarez Torneiro, Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Marica Campo, Darío Xohan Cabana, Xulio Valcárcel, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xavier Seoane, Chus Pato, Manuel Forcadela, Miguel Anxo Fernán Vello, Miro Villar e Xavier Cordal.

Toda as persoas que estean interesadas en participar nesta V Bienal Literaria deberán inscribirse en www.cidadedacultura.org totalmente de balde.