A Consellería de Cultura e Educación destina 68.000 euros á restauración da Torre do Reloxo da Catedral de Santiago

Estas intervencións, que completan as actuacións da primeira fase, inclúen a limpeza da parte norte da torre e a impermeabilización das terrazas superiores da catedral compostelán

Dom, 10/03/2013 - 10:05

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de adxudicar as obras de restauración da Torre do Reloxo da Catedral de Santiago por 68.000 euros. As intervencións, que completan as actuacións da primeira fase que xa executara a Xunta de Galicia anteriormente, centraranse na limpeza da parte norte e a impermeabilización das terrazas superiores da Torre do Reloxo da catedral compostelán.

En primeiro lugar montaranse as estadas e os medios auxiliares para a continuación estudar e analizar os restos de policromías nos discos dos reloxos. Retirarase o encintado do lousado da terraza principal e das cornixas e a costra no fuste oeste da torre. A continuación levantarase o lousado da terraza principal que non estea nivelado, para posteriormente colocalo de forma axeitada e rexuntar o lousado do resto das terrazas.

Asemade, instalaranse carpinterías de madeira para pechar os ocos das escaleiras.  Cubriranse os eixos dos reloxos de acordo co a súa forma e apoio orixinal e colocarase un verteaugas de cobre sobre as fiestras do cuarto do reloxo. Está previsto que as obras comecen a mediados de abril e que esta actuación estea remata a finais do mes de agosto.