O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro participa nun proxecto de cooperación internacional aprobado pola Unión Europea

A Consellería de Cultura e Educación está involucrada na iniciativa ‘GestArt’ que ten como obxectivo promover a colaboración interdisciplinar e intercultural entre expertos en arte rupestre e diferentes artistas

Este plan potenciará a actividade e o recoñecemento internacional de Campo Lameiro, e permitirá o intercambio de coñecementos con prestixiosas institucións europeas

Coincidido con este anuncio, o Parque Arqueolóxico recibiu hoxe o distintivo ‘Compromiso de Calidade Turística’, que concede Turespaña

Ven, 08/03/2013 - 10:26
O  Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro participa nun proxecto
O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro participa nun proxecto de cooperación internacional aprobado pola Unión Europea

A Comisión Europea vén de publicar o listado final das aplicacións aprobadas ao abeiro da convocatoria dos Proxectos de Cooperación do Programa Cultura da Unión Europea, entre os que se atopa o proxecto GestArt – Artistic Gestures revisiting European Artistic diversity and convergence, no que participa o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

A iniciativa GestArt, que se desenvolverá ao longo dos anos 2013 e 2014, ten como obxectivo principal promover a colaboración interdisciplinar e intercultural entre artistas e expertos en arte rupestre (arqueólogos e historiadores), a través da experimentación, da produción de réplicas e de novas creacións. Entre as accións contempladas no proxecto, inclúense colaboracións entre especialistas en arte rupestre e artistas nos distintos escenarios elixidos, a organización de seminarios locais e internacionais e a itinerancia dunha gran mostra por todos os destinos que forman parte do proxecto.

GestArt está coordinado pola Cámara Municipal de Maçâo (Portugal), e están involucradas institucións e investigadores que gozan de gran recoñecemento científico e ampla experiencia internacional: Instituto Terra e Memória (Portugal), Centro Universitario Europeo per i Beni Culturali (Italia), Welsh Rock Organisation (United Kingdon), a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro e a Dirección General del Patrimonio Cultural da Junta de Extremadura.

A participación do Parque Arqueolóxico neste proxecto, ademais de potenciar a súa actividade e recoñecemento internacional, facilita a cooperación e o intercambio de coñecementos e experiencias con algunhas das institucións máis prestixiosas implicadas na xestión e investigación da arte rupestre europea.

‘Compromiso de Calidade Turística’

Coincidido coa participación neste proxecto europeo, o parque de Campo Lameiro recibiu hoxe o distintivo ‘Compromiso de Calidade Turística’, que lle concedeu o Instituto de Turismo de España (Turespaña) e o Servizo de Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra. Deste xeito, o centro arqueolóxico atópase entre as 135 empresas e entidades distinguidas na provincia de Pontevedra para o período 2012-2013.

Este galardón, que se concede no marco do Sistema Integral de Calidad Turística Española en Destinos (SICTED), recoñece a calidade da oferta turística promovida desde o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre e premia as súas accións para converterse nun destino turístico atractivo para todo tipo de públicos.A entrega do distintivo convértese nun estímulo máis para mellorar día a día os servizos que desde o centro ofrecemos aos nosos visitantes.

Centro de referencia

Desde a súa apertura ao público, o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro ven desenvolvendo unha oferta cultural, educativa e lúdica encamiñada a difundir a relevancia dos petróglifos galegos. Así, o Parque Arqueolóxico converteuse no lugar ideal para coñecer os gravados históricos de Galicia –un dos máis destacados conxuntos de arte rupestre ao aire libre da nosa Comunidade Autónoma-, descubrir o significado agochado nestas misteriosas figuras, e aproximarnos aos modos de vida dos nosos antepasados combinando o rigor científico e unha presentación atractiva, didáctica e amena.