A Biblioteca de Galicia ten a disposición da cidadanía preto de 800.000 volumes

A Consellería de Cultura e Educación vén de ampliar os fondos da Biblioteca de Galicia, con ingreso entre os que se inclúen obras en diferentes formatos de especial interese cultural como os fondos de Gálix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) ou da Asociación de Prensa da Coruña

Este servizo central do Sistema Galego de Bibliotecas recolle, conserva e difunde o patrimonio bibliográfico de Galicia, así como a produción bibliográfica galega e a relacionada co ámbito lingüístico e temático galego

Sáb, 09/03/2013 - 10:00
A Biblioteca de Galicia ten a disposición da cidadanía preto de 800.000 volumes
A Biblioteca de Galicia ten a disposición da cidadanía preto de 800.000 volumes

A Biblioteca de Galicia posúe actualmente preto de 800.000 volumes de obras en distintos soportes e tipos de publicación ao alcance de todos os cidadáns. Esta ampla, diversa e rica colección inclúe fondos propios, doazóns e depósitos. A Biblioteca de Galicia é a biblioteca central do Sistema Galego de Bibliotecas e, entre as súas múltiples funcións, atópanse as de conservar e difundir o patrimonio bibliográfico de Galicia, a produción bibliográfica galega e a relacionada co ámbito lingüístico e temático galego.

A Biblioteca de Galicia, que está situada na Cidade da Cultura e depende da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, tamén xoga un papel destacado como centro receptor, creador e difusor de coñecemento, de saber e de cultura. A constitución e desenvolvemento dunhas coleccións de calidade, equilibradas e adecuadas aos seus fins é un labor fundamental para pór os alicerces dos servizos que ofrece. Os sistemas que emprega a biblioteca para constituír e desenvolver as súas coleccións son a compra, o intercambio, o depósito, o depósito legal e a doazón.

Doazóns e depósito de fondos

A doazón e o depósito de fondos bibliográficos son mecanismos de adquisición que lle permiten á biblioteca enriquecer e completar as súas coleccións, ás veces con obras que son difíciles de atopar, especialmente cando forman parte do patrimonio cultural. A doazón e o depósito son sistemas que poden facilitar o labor da Biblioteca de Galicia, polo que este centro os potencia e promove.

A Biblioteca de Galicia tamén está a ampliar os seus fondos dedicados  aos investigadores, estudiosos e amantes da literatura e do libro infantil e xuvenil galegos grazas aos 3.000 volumes que está a recibir de Gálix, a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil. A entidade, que está a trasladar a súa sede á Cidade da Cultura, depositará na Biblioteca de Galicia a súa colección bibliográfica, coa que se creará un espazo singular dedicado á literatura infantil e xuvenil galegas na sala de lectura.

Ademais, recentemente, a Asociación de Prensa da Coruña depositou na Biblioteca de Galicia, en réxime de comodato, unha colección de 1.588 volumes encadernados das cabeceiras de El Ideal Gallego, La Voz de Galicia e La Hojadel Lunes, cos que se amplía o patrimonio xornalístico da biblioteca.

Entre os fondos de este centro tamén cómpre destacar bibliotecas de autor como as de Basilio Losada, Alonso Montero, Wenceslao Fernández Flórez, Isaac Díaz Pardo, Rodolfo Núñez de las Cuevas, Enrique Curiel, Luis Losada Espinosa,  e Carlos Casares. Ademais, inclúense, entre outras, a Biblioteca do Center of Iberian Studies Prof. John Naylon, a Biblioteca da Muller, a Biblioteca do IGAEM, a Fanzinoteca da Casa da Xuventude de Ourense e a Hemeroteca do SERGAS. Tamén coleccións históricas como a de psiquiatría da Fundación Cabaleiro Goás e dos hospitais psiquiátricos do Sergas e importantes fondos hemerográficos de cabeceiras galegas dende o século XIX. Conta así mesmo con coleccións de materiais especiais como a excelente serie, recentemente exposta, de cartografía galega, procedente do desaparecido coleccionista Carlos Díaz; caricaturas, como a colección de Lino González Rubido; gravados, partituras, como a colección dixitalizada de Roxelio Groba; e outros materiais.

Materiais de especial interese e valor

Unha importante misión da Biblioteca de Galicia é a de recoller coleccións bibliográficas que faciliten a promoción dos fins e obxectivos da biblioteca achegando fondos de novas temáticas ou complementando os xa existentes. As bibliotecas de autor xorden como froito dos intereses e afeccións do coleccionista, da súa experiencia profesional, da conservación da herdanza familiar ou da ilusión e o afán coleccionista, polo que son manifestación da personalidade e traxectoria vital de quen as posúe.

A Consellería de Cultura e Educación adquire tamén periodicamente diverso material para enriquecer a Biblioteca Central de Préstamo, un servizo que ten a misión de apoiar as bibliotecas públicas de Galicia para optimizar os recursos existentes, mellorar a oferta informativa da Rede de bibliotecas e atender as carencias funcionais e de espazo. Esta sección pon a disposición da cidadanía recursos de información de calidade en diferentes temáticas a través dun servizo bibliotecario de ámbito comunitario en temas como o préstamo interbibliotecario ou a creación dun almacén colectivo para libros procedentes do expurgo das bibliotecas públicas.

Ademais disto, a Consellería tamén realizou outras adquisicións que foron enriquecendo seccións da Biblioteca de Galicia como o Fondo Antigo e Patrimonial, o Fondo Galicia, o Fondo Portugal, o Fondo Infantil e Xuvenil, Hemeroteca, Materiais Especiais, Ephemera e Soportes Dixitalización. Conta tamén cunha ampla colección profesional dedicada e accesible ós bibliotecarios e documentalistas da Rede de Bibliotecas de Galicia

Un espazo para o novo patrimonio bibliográfico

Unha das principais responsabilidades da Biblioteca de Galicia é a de constituír unha colección exhaustiva das obras publicadas en Galicia, organizalas para a súa consulta,  difundilas e conservalas para a posteridade. Con este obxectivo, os editores, produtores, impresores e outros suxeitos teñen a obriga de lle entregar varias copias das súas publicacións de forma gratuíta á Administración.

Segundo a lexislación vixente, son obxecto de depósito legal e, polo tanto, deben formar parte da sección correspondente, todas as obras bibliográficas, sonoras, visuais, audiovisuais e dixitais producidas ou editadas en Galicia por calquera procedemento de produción, edición ou difusión e distribuídas en calquera soporte, tanxible ou intanxible. Deste xeito, a colección de depósito legal contribúe decisivamente a reunir o patrimonio bibliográfico galego.

Este patrimonio –bibliográfico, sonoro, visual, audiovisual e dixital– constitúe un valor esencial para Galicia pola súa importancia para o mantemento e desenvolvemento do seu acervo cultural, da lingua propia e da súa identidade histórica, ao reflectir os seus intereses e características singulares. Actualmente a sección de depósito legal conta con máis de 245.000 volumes dos distintos tipos de publicacións e soportes.