Cultura e Educación lembra que presta cumprida atención ás necesidades específicas de atención educativa do alumnado dos centros públicos

A Consellería lamenta que a CIG teime en discriminar aos estudantes da concertada deste apoio

Xov, 07/03/2013 - 20:19

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a prestar cumprida atención ás necesidades específicas de atención educativa do alumnado dos centros públicos, ademais de convocar unha liña específica para que os estudantes dos centros concertados poidan acceder tamén a este apoio. Desta forma, non se entende a teima da Confederación Intersindical Galega (CIG) en discriminar ás alumnas e alumnos da concertada, criticando a liña de axudas que para este fin se convoca e que, ao contrario do sinalado polo sindicato, non é un ingreso extra. Neste sentido, cómpre sinalar que a contía que se destina aos centros concertados cobre gastos de funcionamento e profesorado, pero non as necesidades que neles se poidan presentar a maiores para a atención a estas necesidades específicas do alumnado. Trátase, en todo caso, dunha convocatoria de concorrencia pública ás axudas, que os centros concertados teñen que complementar cos seus propios recursos.

No caso dos centros educativos públicos, a Xunta faise cargo de xeito directo de dotalos do persoal que precisan para este fin, nomeadamente orientadores, profesorado de pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe, persoal coidador, fisioterapeutas, intérpretes de lingua de signos e profesorado da ONCE. No que toca ao material específico, a Consellería atende todas as solicitudes de colexios e institutos respecto da adquisición de emisoras de frecuencia, cadeiras adaptadas, equipamento informático específicos, mesas e atrís, entre outros recursos.

O importe económico derivado desta dotación de recursos, variable en función das necesidades que se presente en cada curso, achégao na súa totalidade a Xunta de Galicia, no marco do seu compromiso coa atención á diversidade do alumnado galego.

Neste sentido, a Consellería lamenta as acusacións da Confederación Intersindical Galega (CIG), que non parece considerar de importancia a atención ás necesidades específicas de atención educativa do alumnado que asiste a centros sostidos con fondos públicos como son os concertados. Vai ademais en contra do espírito do acordo de 2008 entre a Consellería, organizacións sindicais e patronais do ensino polo que se convoca cada ano unha liña de axudas á concertada para a atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. O acordo fora asinado por USO, UGT, CCOO, FSIE, e polas organizacións empresariais, e publicado no BOE número 131 do 30 de maio dese ano.