Cultura e Educación participa na clausura das Xornadas “A protección dos camiños históricos en Galicia” no Consello da Cultura Galega

A directora xeral do Patrimonio Cultural salientou os camiños de Santiago como elementos da identidade colectiva e un factor de desenvolvemento “cargado de oportunidades de futuro”

Xov, 07/03/2013 - 18:41

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe na clausura das xornadas “A protección dos camiños históricos en Galicia”, que foron inauguradas onte no Consello da Cultura Galega polo conselleiro, Xesús Vázquez Abad e polo presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares. No acto de conclusións e clausura das xornadas participaron asemade os seus coordinadores Carlos Nárdiz e Yolanda Barriocanal; e o coordinador da sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega, Iago Seara.

A directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Ínsua, cualificou no peche deste encontro os camiños de Santiago como “elementos da identidade colectiva que ten a obriga de defender; parte da proxección de Galicia dentro e fóra das nosas fronteiras; e tamén un factor de desenvolvemento cargado de oportunidades de futuro”.

Martínez Ínsua salientou a delimitación como un instrumento fundamental e básico na protección dos camiños porque lles proporciona recoñecemento cultural, determinación xeográfica e seguridade xurídica. A protección, tal e como explicou, supón “preservar e potenciar algo vivo, con raíces nítidas no noso pasado, pero con proxección cara o futuro do noso país, con apostas concretas e tanxibles”. Neste sentido sinalou entre os obxectivos da Consellería concluír o labor de delimitación nos camiños do Norte, de Fisterra, a vía da Prata e o Portugués; así como a promoción dun plan de protección e xestión “que lles outorgue a forma normativa dunha figura de ordenación do territorio activadora dos valores culturais e poña en rendemento todo o seu potencial”. Así mesmo sinalou a importancia de difundir os Camiños como imaxe de Galicia, consciente da súa historia, que se presenta cara o exterior, como portadora dun produto cultural auténtico, de calidade e sostible.

Deste xeito, a directora xeral enlazou coas palabras doxefe de servizo de Planeamento e Inventario da Xunta de Galicia, Ignacio Cerrada, responsable do primeiro relatorio da mañá, dedicado á delimitación e proposta de protección dos camiños de Santiago pola Administración autonómica galega. Nel, Cerrada fixo fincapé na importancia dun plan de xestión para coordinar as actuacións dos diferentes axentes implicados na protección dos camiños.

Posta en valor dos camiños históricos

Organizadas pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega –coordinado por Iago Seara–,o obxectivo deste encontro foi poñer en valor os camiños históricos máis alá das rutas a Santiago, entendidos como tales todos aqueles camiños que serviron a unhas relacións entre os núcleos previas ao trazado das estradas a partir da segunda metade do século XVIII; desde os camiños megalíticos, castrexos ou as vías romanas, como a rede de camiños de orixe medieval que comunicaban mosteiros, vilas e cidades; ou os camiños de roda e reais a partir do século XVI, nos que se apoiaban as relacións comerciais de Galicia.

As xornadas estruturáronse en tres sesións diferenciadas. A primeira delas dedicouse á valoración dos camiños históricos como eixes vertebradores e da patrimonalización cultural do territorio, e contou coas intervención do arquitecto Xosé Ramón Menéndez Luarca, do doutor enxeñeiro de Camiños e profesor titular da Universidade da Coruña Carlos Nárdiz, e da profesora titular de Historia da Arte da Universidade de Vigo, Yolanda Barriocanal. Na segunda sesión, celebrada onte á tarde, abordouse a protección xurídica e urbanística dos camiños históricos nunha mesa redonda moderada pola directora do Departamento de Xestión Xurídico-Administrativa do Instituto de Estudos do Territorio, María Dolores Méndez Torres; e na que participaton o xefe de Sección Xurídica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e infraestructuras da Xunta de Galicia, Julián Alonso García; o profesor titular de Dereito Administrativo e vogal da Comisión de Patrimonio Histórico da provincia da Coruña, Carlos Amoedo Souto; a subdirectora xeral de Protección de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Educación, María Diz Rodríguez; o doutor en Filoloxía Medieval e historiador, Ricardo Polín; e o catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña, Francisco Javier Sanz Larruga.

A terceira sesión, celebrada esta mañá, dedicouse á delimitación e proposta de protección dos camiños de Santiago pola Administración autonómica galega a través dun relatorio o xefe de servizo de Planeamento e Inventario da Xunta de Galicia, Ignacio Cerrada; e dunha mesa redonda moderada por Iago Seara na que participaron o propio Ignacio Cerrada, o catedrático de Antropoloxía Social da Universidade de Santiago de Compostela Marcial Gondar Portasany, o sociólogo e urbanista Daniel Pino Vicente, o membro do Comité do Camiño de Santiago Antón Pombo, Marcial Rodríguez e a arquitecta do Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, Teresa Nieto Freire.