A Xunta e as principais institucións culturais galegas celebran con múltiples actividades os 150 anos de ‘Cantares Gallegos’

A Consellería de Cultura e Educación, a Secretaría Xeral de Medios, a Fundación Rosalía de Castro, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega e a Compañía da Radiotelevisión de Galicia presentaron hoxe unha ampla programación coa que convidan a cidadanía a conmemorar esta efeméride

Mostras expositivas, un ciclo audiovisual, espectáculos escénicos, actividades musicais e edicións conmemorativas son algunhas das propostas que situarán a Rosalía de Castro e a súa obra no primeiro plano da axenda cultural de 2013

Mér, 06/03/2013 - 13:30
O conselleiro de Cultura e Educación na presentación dos actos conmemorativos do
O conselleiro de Cultura e Educación na presentación dos actos conmemorativos dos 150 anos de 'Cantares Gallegos'

“Cento cincuenta anos despois, Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, segue a ser un referente compartido, unha obra de interese xeral con infindas posibilidades de novas lecturas e relecturas”. Así se expresou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, na presentación da programación de actividades coas que a Xunta de Galicia, en colaboración coas principais institucións culturais galegas, celebrará en 2013 o 150º aniversario da publicación da obra coa que, en 1863, se iniciaba unha nova etapa de esplendor para a literatura galega e a recuperación cultural de Galicia.

Este 2013 será un ano para saudar novas edicións da obra de ‘Cantares Gallegos’, para escoitar a Rosalía cantada, para redescubrir a súa obra a través da imaxe e das artes escénicas, para afondar na súa figura a través de mostras expositivas.

Unha celebración colectiva

Esta celebración de tanta transcendencia para a cultura e a lingua galegas vai estar presente na axenda do goberno galego nos vindeiros meses dun xeito transversal, da man das principais entidades culturais vinculadas á difusión da obra rosaliana. Institucións como a Fundación Rosalía de Castro, o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Real Academia Galega (RAG), que tamén participaron na presentación e que estiveron representadas polo presidente da fundación, Anxo Angueira, pola vicepresidenta do CCG, Rosario Álvarez, e polo tesoureiro da RAG, Manuel González, respectivamente.

A secretaria xeral de Medios, Mar Sánchez; os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente; a directora-xerente da Televisión de Galicia, Rosa Vilas; e a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño, tamén participaron na presentación, que se celebrou esta mañá na Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura.

Rosalía e Cantares Gallegos nas bibliotecas

A Consellería, a través da Secretaría Xeral de Cultura, participa nunha ampla programación arredor desta efeméride, a través do apoio a iniciativas impulsadas por asociacións e entidades culturais de toda Galicia. Tamén a través das bibliotecas nodais, que promoven no primeiro semestre do ano diversas actividades e mostras dos seus fondos. Particularmente, a Biblioteca de Galicia prepara para o mes de maio unha importante mostra bibliográfica arredor de ‘Cantares Gallegos’, cunha selección de edicións, partituras de composicións musicais de tema rosaliano e outros materiais singulares.

Exposición itinerante

Outra exposición de referencia na conmemoración desta efeméride será ‘No principio foi o verso. O cantar dos Cantares’. Co fin de difundir nas principais cidades galegas a obra poética da autora, a Fundación Rosalía de Castro, a RAG e a Universidade de Vigo organizan, co patrocinio da Xunta, do Concello de Vigo e do Consorcio da Zona Franca de Vigo, esta mostra itinerante sobre ‘Cantares Gallegos’, a súa autora e a súa época. 

A escritora en pantalla

As propostas audiovisuais tamén estarán presentes nesta celebración do 150.º aniversario de Cantares Gallegos. O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), dependente da Secretaría Xeral de Medios, organiza o ciclo ‘Paisaxes do Romanticismo. Arredor de Rosalía de Castro’, para entender a época e o ambiente cultural de Europa do século XIX. Ademais, a Compañía da Radiotelevisión de Galicia ofrecerá unha perspectiva actual da obra de Rosalía para a súa difusión masiva a través da televisión, para o que ten prevista a produción e emisión de espazos dedicados a ‘Cantares Gallegos’ e á súa autora.

A Consellería, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa; tamén convocan o concurso escolar ‘Imaxina Cantares!’ para facer partícipes os equipos de dinamización da lingua galega nesta conmemoración e co obxectivo de que os máis novos poidan gozar da obra rosaliana a través de producións en soporte audiovisual.

Rosalía a través da música e das artes escénicas

Os espectáculos escénicos serán outras das propostas para celebrar este aniversario. Por unha banda, o Centro Coreográfico Galego programará o espectáculo de danza ‘Rosalía’, que percorrerá diferentes localidades de toda Galicia en 2013. A Secretaría Xeral de Cultura tamén promoverá o espectáculo escénico ‘Os cantares das musas’, de Sarabela Teatro, para poñer en valor a obra rosaliana a través da linguaxe teatral.

A música tamén será protagonista desta conmemoración. O Consello da Cultura Galega, institución que xa vén programando unha importante actividade de debate e reflexión académica neste pasado mes, prepara agora, co apoio da Consellería de Cultura e Educación, un concerto das voces máis novas sobre versos de Rosalía, no que participará alumnado de conservatorios, escolas de música e coros infantís de toda Galicia. A actividade desenvolverase na Cidade da Cultura e na praza da Quintana.

Edicións conmemorativas e difusión exterior

As edicións conmemorativas tampouco faltarán este ano. Entre elas inclúense un facsímile da primeira edición de ‘Cantares Gallegos’ promovido polo Parlamento de Galicia, o CCG e a Xunta, e unha edición da obra ilustrada por Pepe Barro e editada por El Patito Editorial coa colaboración do goberno galego.

Para difundir no exterior a obra rosaliana publícase este ano unha edición en inglés de ‘Cantares Gallegos’ na colección Galician Classics e desenvolveranse actividades desde os lectorados de lingua e cultura galegas de universidades de todo o mundo, coordinadas desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Acondicionamento da Casa da Matanza

A Casa da Matanza é un referente da posta en valor da figura e da obra de Rosalía, e será un espazo de referencia ao longo deste ano. Por iso a Consellería de Cultura e Educación vén colaborando tamén para que este patrimonio se conserve nas mellores condicións. Con este obxectivo, a Xunta investiu 200.000 euros cofinanciados con Fondos Feder para o seu acondicionamento.

Favorecer a participación social

“A Xunta de Galicia asume esta implicación nos actos conmemorativos arredor de ‘Cantares Gallegos’ coa pretensión de reforzar esta efeméride e de dala a coñecer entre a cidadanía, para favorecer, deste xeito, a participación social nas actividades que se programen co gallo do aniversario da publicación”, dixo Vázquez Abad. “Porque temos claro –engadiu– que promover a realización de iniciativas arredor de ‘Cantares Gallegos’ permite, non só manter o espírito rosaliano, senón reforzar a consideración de Rosalía de Castro como símbolo de Galicia”.