Vázquez Abad participa na inauguración das III Xornadas dos departamentos de orientación, dedicadas á competencia emocional

O encontro, que se celebra hoxe no Pazo de Congresos, reúne a máis de 300 xefes e xefas destas áreas educativas

Mér, 06/03/2013 - 10:12
O conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe no Paz
O conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe no Pazo de Congresos compostelán na inauguración das “III Xornadas de formación dos xefes e xefas dos departamentos de Orientación”

O conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe no Pazo de Congresos compostelán na inauguración das “III Xornadas de formación dos xefes e xefas dos departamentos de Orientación” que, nesta ocasión, analizan a arquitectura da competencia emocional. A acción formativa reúne en Compostela a máis de 300 profesionais galegos da orientación. Na presentación estivo tamén presente o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira.

O obxectivo destas xornadas, organizadas polo Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e recollidas dentro do actual Plan Anual de Formación do Profesorado, é afondar na interpretación e unificación de criterios derivados das funcións establecidas para os departamentos de orientación. Búscase asemade definir accións e estratexias de intervención concretas e favorecer a actualización, o intercambio de experiencias e a formación de grupos de traballo.

As xornadas xorden para dar resposta ao interese dos profesionais da orientación para mellorar a súa competencia profesional e adquirir ferramentas que redunden nunha optimización da xestión emocional do alumnado, un compromiso que a Consellería valora moi positivamente.

Relatores de prestixio

Ao longo da xornada, as persoas que participan na actividade terán a oportunidade de asistir ás conferencias de profesionais de prestixio no eido da orientación. Así, as sesións comezarán coa participación da profesora e autora sobre a Xestión das Emocións, Elsa Punset, e os expertos en comunicación e aprendizaxe emocional, Verónica Cruz e Pedro Delgado, que reflexionarán sobre a educación de nenos e mozos emocionalmente intelixentes. Posteriormente, na mesma quenda de mañá, o orientador, inspector e profesor da UNED, Juan Vaello Orts, desenvolverá o tema das competencias emocionais do educador.

Xa pola tarde, a psicóloga Isabel López Arias, explicará a importancia dun programa de educación emocional dende a perspectiva da análise transaccional; e a psicopedagoga Teresa Hernández Armentia, abordará o tema das ferramentas para a xestión das emocións de utilidade para un orientador.

No último relatorio da xornada, a psicóloga social Bibiana Caamaño Rodal, enumerará e explicará as estratexias de intervención e as características do formador en habilidades sociais.