Cultura e Educación reúne a preto de 100 docentes na xornada para os coordinadores de formación permanente en centros
O encontro, que se celebra hoxe na Escola Galega de Administración Pública, é froito do compromiso da Consellería coa actualización dos coñecementos do profesorado ao longo da súa carreira
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reúne hoxe a preto de 100 docentes na xornada para coordinadores de formación en centros educativos que se celebra na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), organizadas polo Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI). O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, inaugurou o encontro, froito do compromiso do departamento educativo da Xunta de Galicia coa actualización dos coñecementos das profesoras e profesores ao longo da súa carreira, como piar fundamental que son da calidade da ensinanza impartida nos centros educativos de Galicia.
O obxectivo da xornada é facilitar a tarefa da figura do coordinador ou coordinadora, a persoa responsable de informar aos docentes das accións contempladas nos Plans de Formación Permanente do Profesorado nos centros.
Plans específicos nos centros
Trátase de plans específicos de formación permanente que, partindo dunha avaliación das necesidades do centro, permiten deseñar accións formativas destinadas á actualización e o perfeccionamento das competencias profesionais do profesorado para a mellora da calidade da educación e dos resultados escolares. Estas actuacións articúlanse arredor de diferentes liñas de traballo, como son a mellora da competencia en lectura e escritura (impresa e dixital) e da competencia lingüística do profesorado en linguas estranxeiras, a integración didáctica das TIC no ensino, a atención á diversidade e ao éxito escolar, a mellora da convivencia escolar e do clima de aula, así como a formación dos docentes en competencias científicas e didácticas nas diferentes áreas do currículo.
A través destas accións favorécese que o profesorado teña ferramentas para promover a innovación metodolóxica, e para reflexionar sobre a práctica educativa e avaliala, co fin de acadar un ensino da máxima calidade. Así mesmo, búscase fomentar entre o alumnado valores básicos para o desenvolvemento persoal e as relacións sociais.
Programa
Un dos aspectos fundamentais para o bo funcionamento dos devanditos plans é o traballo cooperativo do profesorado. Por iso, a xornada de hoxe é un espazo para o intercambio de experiencias e boas prácticas no desenvolvemento destas accións. Así mesmo, afondarase nas funcións e roles da coordinación, nos itinerarios e seguimento dos plans, e na avaliación da formación do profesorado e a súa aplicación na aula.
A xornada comezou cun relatorio sobre os plans de formación permanente en centros, seguido de outro no que o doutor en Ciencias da Educación Miguel A. Santos Guerra salientará a importancia do centro como unidade funcional de mellora. Pechando o programa da mañá, o encargado de afondar na avaliación da formación en centros e a súa aplicación na aula será o profesor do departamento de Didáctica e organización escolar da universidade da Laguna, Amador Guarro.
Pola tarde o programa comezará cunha mesa redonda na que se intercambiarán reflexións e experiencias arredor da implantación dos plans de formación en centros. A xornada rematará cun relatorio arredor das ferramentas de traballo en equipo que se poden aplicar para un mellor funcionamento destes plans, que será impartido por Jorge Fente, formador de procesos participativos de traballo colaborativo e en equipo, e polas súas colaboradoras Ana Lorenzo e Rosa Muñiz.