Cultura e Educación inicia o procedemento de avaliación da calidade da produción e actividade científico-tecnolóxica de 18 investigadores Parga Pondal

Desta forma a Consellería facilita que estas persoas obteñan unha acreditación oficial do labor realizado ao longo da súa carreira investigadora

Dom, 03/03/2013 - 10:45
Cultura e Educación inicia o procedemento de avaliación da calidade da produción
Cultura e Educación inicia o procedemento de avaliación da calidade da produción e actividade científico-tecnolóxica de 18 investigadores Parga Pondal

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de iniciar o procedemento para a avaliación da calidade da produción e actividade científico-tecnolóxica de 18 investigadores contratados polas Universidades do Sistema Universitario de Galicia ao abeiro do programa de axudas Isidro Parga Pondal para o ano 2008. Deste xeito o departamento educativo da Xunta de Galicia facilita que estas persoas poidan obter un recoñecemento oficial do labor realizado, segundo o establecido nas bases que rexen o dito programa, ao inicio do quinto ano de permanencia no programa.

Este procedemento, que será realizado por comités avaliadores externos e cos mesmos criterios cos do programa estatal Ramón y Cajal, prodúcese despois de que a Consellería prorrogase as axudas a estes investigadores a través da resolución do 3 de xaneiro de 2012 (DOG de 13 de xaneiro de 2012), en cumprimento dos compromisos contraídos polo antigo  Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica-Incite (2006-2010), aos que sigue a dar resposta o actual Goberno galego.

Con este novo proceso a Consellería continúa a avaliar nos prazos previstos aos investigadores deste programa. De feito hai tan só un ano sometéronse ao procedemento 24 investigadores do programa Isidro Parga Pondal do ano 2007.

Criterios

A avaliación levarase a cabo, baixo os principios xerais de obxectividade, independencia e calidade das avaliacións, por expertos externos ao Sistema Universitario de Galicia, coa colaboración da Axencia de Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), a partir da documentación que deben achegar os interesados.

Os expertos analizarán os currículos dos investigadores avaliando a súa produción científica, atendendo a aspectos tales como publicacións, documentos científico-técnicos, e contribucións en congresos, entre outros labores. Prestarase especial atención á capacidade do investigador para liderar grupos de investigación, liñas de traballo ou de obter financiamento en convocatorias públicas competitivas das administracións públicas ou entidades privadas sen ánimo de lucro, ás patentes en explotación, e á súa actividade formativa, en especial a relacionada coa formación de doutores e a dirección de teses de doutoramento.

Os criterios de avaliación que se seguirán no proceso son os establecidos na Resolución de 20 de xullo de 2005, da Secretaría de Estado de Universidades e Investigación, pola que se establecen os criterios de avaliación no Programa de incentivación da incorporación e intensificación da actividade investigadora, tanto os relativos ao conxunto da súa traxectoria como os referidos aos catro últimos anos de actividade investigadora -que se corresponden cos da súa permanencia no Programa Parga Pondal-.

Os investigadores acadarán unha avaliación positiva final cando se cumpran os criterios mínimos fixados para cada unha das fases sinaladas (totalidade da carreira investigadora e catro últimos anos). No caso de que a avaliación das dúas fases indicadas sexa positiva, a Secretaría Xeral de Universidades emitirá a correspondente certificación de cumprimento dos requisitos de calidade de produción e actividade científico-tecnolóxica destacada, que supón o recoñecemento de ter realizado con aproveitamento o seu traballo no seo da comunidade científica.

Menús News node R

Colectivo

Tema

Ensinanza