Cultura e Educación incrementa en 300.000 euros o orzamento destinado ás axudas complementarias do programa de mobilidade Erasmus

As contías que poderán recibir cada estudante increméntanse ata nun 17%

Poderán solicitar esta axuda ata 1.756 alumnas e alumnos admitidos este curso no programa Erasmus

Mar, 26/02/2013 - 13:15
 Cultura e Educación incrementa en 300.000 euros o orzamento destinado ás axudas
Cultura e Educación incrementa en 300.000 euros o orzamento destinado ás axudas complementarias do programa de mobilidade Erasmus

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, vén de incrementar nun 30% o orzamento destinado ás axudas complementarias ás achegas pola Unión Europea no marco do programa comunitario Erasmus e de Suíza para estudantes universitarios. Deste xeito o orzamento destinado pola Consellería a estas axudas pasa de 1 millón de euros de anos anteriores a 1,3 millóns na convocatoria deste curso. Así a Consellería contribúe a impulsar a mobilidade destes estudantes como forma de potenciar a súa adquisición de coñecementos, aptitudes, e capacidades para o seu desenvolvemento persoal e profesional.

Poderán acollerse a esta axuda ata 1.756 alumnas e alumnos admitidos no presente curso no programa Erasmus. Trátase, así, dunha importante axuda para a igualdade de oportunidades no acceso a esta experiencia, máis tendo en conta que no curso 2012/2013 a contía das bolsas concedidas polo Ministerio para este programa redúcese nun 36% para a axuda xeral e nun 72% para a que perciben de forma adicional quen xa son bolseiros.

Premio á excelencia académica

Cómpre sinalar, ademais, que a convocatoria da Consellería premia a excelencia académica do alumnado beneficiario. Así, unha vez adxudicadas as bolsas,  repartirase o orzamento restante – ata esgotar os 1,3 millóns de euros- entre os beneficiarios con maior media no seu expediente académico. Cada un deles recibirá 500 euros adicionais á axuda que xa se lles fora adxudicada en función da súa permanencia no programa – 70 euros por cada mes de estadía no estranxeiro-.

Para optar a estas axudas os aspirantes deberán estar matriculados no curso 2012/2013 en calquera das universidades públicas do sistema Universitario de Galicia (SUG) ou nos centros asociados da UNED en Galicia para realizar estudos conducentes aos títulos universitarios de graduado, licenciado, arquitecto, enxeñeiro, diplomado, mestre, arquitecto técnico e enxeñeiro técnico; e participar no programa de mobilidade Erasmus ou do Goberno de Suíza cunha estadía de entre 3 e 9 meses.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o día 26 de marzo. A convocatoria completa pode consultarse no Diario Oficial de Galicia

Na edición pasada beneficiáronse destas axudas 1.490 estudantes do SUG e dos centros asociados da UNED en Galicia. deles 379 correspondían á universidade da Coruña, 541 á de Santiago de Compostela, 567 á de Vigo e 3 aos centros asociados da UNED. Os países de destino polo que optaron de forma maioritaria foron Italia, Polonia, Portugal, Francia, Alemaña e Reino Unido.

Menús News node R