A Consellería de Cultura e Educación participa na clausura da XIII Sesión Nacional do modelo de Parlamento Europeo

O encontro celebrouse no colexio Manuel Peleteiro, en Santiago de Compostela

Lun, 25/02/2013 - 14:35
O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, participa na
O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, participa na cerimonia de clausura da XIII Sesión nacional del modelo de Parlamento Europeo, organizada polo Parlamento de Galicia e o Colexio Manuel Peleteiro

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal Rodríguez, participou este serán no acto de clausura da “XIII Sesión Nacional do Modelo de Parlamento Europeo”, que se celebrou esta fin de semana no Colexio Manuel Peleterio, en Santiago de Compostela.

Asemade participaron no acto o director do centro, Luís Peleteiro, a presidenta do Padroado da Fundación San Patricio, Sonsoles Castellano, e a presidenta da Asemblea Xeral da XIII Sesión Nacional do Modelo de Parlamento Europeo, Rosa María Jiménez.

“A realización de actividades de formación como a que agora se clausura –dixo o director xeral-, que tratan de potenciar a conciencia da cidadanía europea desde unha perspectiva práctica e integradora, dirixidas aos que –dentro de pouco tempo– constituirán un impulso activo da nosa sociedade, resultan moi satisfactorias, por todo o que teñen de semente de futuro.”

O director xeral expresou ademais a súa satisfacción polos temas abordados na edición deste ano, “temas cruciais para o noso desenvolvemento social, para o noso progreso persoal e como pobo, tales como sostenibilidade, emprendedurismo, economía global ou integración da discapacidade.”

Parlamentarios por uns días

O Modelo de Parlamento Europeo é un programa educativo dirixido a estudantes de 1º de bacharelato e 1º de ciclos formativos de grao medio que procura o fomento da conciencia de cidadanía europea e do debate construtivo.

No marco do MPE abórdanse temas importantes para a gobernanza e o progreso social e económico da Unión, dando a oportunidade ás alumnas e alumnos de converterse por un días en parlamentarios, presentar propostas e debater  arredor de temas de actualidade.