A exposición ‘Querido Balbino,1961-2011. 50 anos de Memorias dun neno labrego’ fai parada en Negreira, da man de Cultura e Educación

A mostra coa que a Xunta de Galicia lle rende tributo a unha das figuras máis emblemáticas da literatura galega segue a percorrer as localidades da Rede de Dinamización Lingüística

O acto inaugural, ao que asistiron escolares e profesorado de primaria e secundaria negreireses, contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística

Mér, 20/02/2013 - 13:05
A exposición ‘Querido Balbino,1961-2011. 50 anos de Memorias dun neno labrego’ f
A exposición ‘Querido Balbino,1961-2011. 50 anos de Memorias dun neno labrego’ fai parada en Negreira, da man de Cultura e Educación

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, inaugurou hoxe na Casa da Cultura de Negreira a mostra “Querido Balbino, 1961-2011. 50 anos de Memorias dun neno labrego”. A exposición chega a Negreira no marco da itinerancia que está a ter nos concellos das comarcas barcalesa e xalleira.

O obxectivo desta acción é ofrecerlle á cidadanía galega un achegamento de primeira man á traxectoria do libro máis lido da literatura galega, Memorias dun neno labrego e, asemade, un percorrido pola vida do autor da obra, o escritor e académico da lingua galega Xosé Neira Vilas.

Na inauguración oficial da mostra, que tivo lugar no auditorio da Casa da Cultura, participaron o secretario xeral, Valentín García, e mais o rexedor negreirés, José Blanco Pazos. Asistiron ao acto preto de cen estudantes que cursan o último ciclo de primaria e de secundaria dos centros CEIP O Coto e IES Xulián Magariños, respectivamente. A exposición abriuse ao público cunha visita guiada por García Gómez e poderase ver en horario de 16:00-20:00 horas ata o vindeiro 28 de febreiro.

Mostra-homenaxe a Balbino e ao seu creador

‘Querido Balbino’ articúlase en torno a dous eixos que guían o espectador a  través dun túnel de vitrinas. Dun lado, aparece representada a traxectoria vital do escritor a partir de fotografías, documentos e correspondencia que serven para marcar diferentes momentos relevantes da súa biografía. Doutro, diversos documentos e materiais amosan o periplo seguido polo propio libro e polo protagonista. Así, a mostra lembra as edicións, as adaptacións teatrais e audiovisuais que tomaron como referencia Memorias dun neno labrego -da que se levan sacado do prelo máis de 600.000 exemplares a día de hoxe- e conta cunha parte audiovisual na que se proxecta un documental sobre Balbino.

A mostra-homenaxe presenta tamén trece obras pictóricas de autores galegos, inspiradas no protagonista de Memorias dun neno labrego, concretamente de Paco Lareo, Chema Pazos, Rofer, Siro López, Damian Paio, Esperanza Lema, Antón Pulido, Xoán Domato, Xaquín Marín ou Sabela Arias entre outros. A visita inclúe un catálogo explicativo ilustrado por comentarios aparecidos ao longo destes 50 anos de vida da obra e exhibe un documento único: a Carta a Balbino que Xosé Neira Vilas lle dedicou ao seu “fillo” literario.

O catálogo explicativo da esposición pódese descargar no enlace web www.xunta.es/c/document_library/get_file?folderId=346894&name=DLFE-10916.pdf.

Achegarlle as letras galegas á cidadanía

A exposición leva en itinerancia dende abril do 2011, no que fixo medio século da publicación en Bos Aires de Memorias dun neno labrego, a obra máis lida da literatura galega e tamén a máis traducida a outras linguas (na actualidade xa está dispoñible en 17 idiomas e en preparación a edición en xaponés). 

Estes días recala en Negreira tralo seu paso polas bibliotecas nodais e museos de Galicia e mais por localidades como Celanova, Verín, Lalín, A Estrada, Ponteceso, Betanzos, Ribeira, A Laracha, Sada, Arteixo, Val do Dubra e A Baña. As vindeiras paradas serán, nas próximas semanas, Santa Comba e Melide, ambos os dous concellos pertencentes á RDL da Xunta de Galicia.

Por medio desta acción, a Secretaría Xeral de Política Lingüística quere seguir dinamizando a lingua a través das nosas letras e tamén impulsar o gusto pola lectura entre a cidadanía, nomeadamente entre as persoas máis novas, redescubrindo a que xa é unha das pezas máis emblemáticas da literatura galega.

Menús News node R