Cultura e Educación subliña o compromiso coas universidades e expón os retos na materia para a presente lexislatura

O secretario xeral de Universidades explicou hoxe na comisión 4ª de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia o papel da Xunta como “impulsor da necesaria modernización do sistema universitario”

Anticipou que se está a definir un Programa de Captación de Talento e Estratexia Galega de Investigación Universitaria 2013-2017

Así mesmo, resaltou a necesidade da internacionalización tanto na oferta como na investigación

Mar, 19/02/2013 - 14:53

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, compareceu na comisión do Parlamento a petición propia para propiciar “unha reflexión sobre a política universitaria que se desenvolveu e se está a desenvolver en Galicia”, procurando expor, en aras do debate e no foro parlamentario autonómico, “a relevancia que para Galicia ten o seu sistema universitario e, sobre todo, a súa necesaria modernización e a súa imprescindible adaptación aos tempos actuais.”

Desde o diálogo, á procura dos maiores consensos e vías de colaboración posible coa comunidade universitaria e das institucións que conforman o Sistema Universitario de Galicia (SUG) –dixo José Alberto Díez−, a Xunta exerce a súa función coordinadora para propiciar cambios positivos que lles permitan ás nosas Universidades “dar un salto na internacionalización tanto da oferta de titulacións como na investigación.”

“Antes do remate da lexislatura –afirmou o representante da Consellería−, en Galicia haberá unha solución aos graos multiplicados ou sen demanda mínima, graos interuniversitarios, unha oferta estable de posgraos nos sete campus especializados en liñas docentes e investigadoras, colaboración permanente entre as universidades grazas ao consorcio interuniversitario, un programa de captación de talento investigador con forte retorno ao tecido produtivo de Galicia, e universidades con total sustentabilidade financeira.”

Estabilidade orzamentaria e taxas

Neste liña, o secretario xeral remarcou que “o Sistema Universitario de Galicia ten en execución un Plan de Financiamento 2011-2015 que se caracteriza por ser dinámico, flexible, sostible, equitativo e eficiente.” Lembrando así mesmo o firme compromiso da consellería de Cultura, Educación e O.U. coa execución do propio plan. “Precisamente, hai unhas semanas, o Consello Galego de Universidades analizou a partida global de 371,5 millóns de euros coa que está dotado o Plan de Financiamento do SUG para 2013”.

Neste punto, José Alberto Díez explicou as partidas concretas, o funcionamento e a evolución dos fondos Estrutural, por Resultados e por Mellora da Calidade “que miden −asegurou− os resultados logrados por cada unha das institucións e condicionan as contías a percibir nunha porcentaxe que se irá incrementando en cada un dos exercicios de vixencia do plan”.

“Deste xeito −engadiu− dos 371,5 millóns de euros con que está dotado o Plan de Financiamento do SUG para o ano 2013, 70,9 millóns, que equivalen ao 19,09%, distribuiranse entre as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo en base a resultados obtidos nas distintas áreas.”

Asemade, o secretario xeral quixo lembrar que “as tres universidades galegas contan cunha posición diferenciada respecto ás súas homólogas do resto do Estado, precisamente grazas a ter garantido un modelo de financiamento claro e plurianual, así como por verse favorecidas polo incremento das partidas destinadas especificamente á investigación universitaria.”

No tocante ás taxas, Díez de Castro expuxo que foi no 2012 cando Galicia se converteu “na comunidade máis barata en materia universitaria”. A autonomía coa que a nova normativa estatal dota ás comunidades definiu un marco que, no caso galego, se empregou para acadar un pacto no que a Xunta e as tres universidades decidiron “realizar a menor suba posible, facendo os cálculos de estimación de custo da maneira máis beneficiosa para o alumnado”. Propiciando que, en palabras do secretario xeral, “as taxas universitarias pasen a ser as máis baixas do Estado por primeira vez na historia.”

Outros aspectos abordados na comparecencia foron a racionalización da oferta de titulacións de grao, posgrao e master; a promoción e a xestión eficiente dos recursos e as capacidades de investigación do SUG, coa posta en marcha dunha nova estratexia que incide na consecución de resultados e no aproveitamento dos mesmos polo tecido empresarial e pola sociedade galega; e a futura nova Lei do Sistema Universitario de Galicia –froito do diálogo e consenso coas Universidades–, que suporá a unificación normativa e a adaptación tanto ás modificación da actual Lei Orgánica de Universidades como ao novo marco derivado do Espazo Europeo de Educación Superior.

Investigación, transferencia e desenvolvemento

“Afrontamos esta nova etapa –dixo o responsable de Universidade− coa ambición de poder legar a Galicia, unha vez rematada a presente lexislatura, un sistema universitario máis forte e con todos os seus campus especializados e con suficientes mecanismos de cooperación que lles permitan dar un salto na internacionalización tanto da oferta de titulacións como na investigación.”

“Que non quede dúbida –asegurou− de que os orzamentos de 2013 fixan o compromiso da aposta polo I+D+i no Sistema Universitario en termos exactamente iguais aos previstos no plan de financiamento”. Neste sentido, Díez de Castro explicou que o presente orzamento permite manter o Programa de Xestión de Talento, o Programa de consolidación de grupos de Investigación e o Programa de apoio á investigación.

Concorde ao anterior, o secretario xeral pechou a súa intervención afirmando que as universidades “teñen que ser motor do desenvolvemento de Galicia cumprindo a súa función académica, a través dunha oferta de titulacións racional e acorde ás demandas socioeconómicas da nosa comunidade –enmarcada na nova Lei do SUG−, e tamén a función de xeración de talento, para o que definiremos un Programa de Captación de Talento e Estratexia Galega de Investigación Universitaria 2013-2017”.