Cultura e Educación aposta polo modelo dual e a potenciación dos centros integrados como futuro da Formación Profesional
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa explicou hoxe no Parlamento que a Consellería está a traballar para que máis empresas sumen á experiencia da FP dual
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a traballar para implantar progresivamente o modelo dual de Formación Profesional en Galicia, entendendo que “dar nova forza ao modelo educativo de Galicia pasa por renovar a aposta por estas ensinanzas e por dar novos pasos coa FP dual, de xeito que hai que afondar na relación bidireccional centro-empresa”. Así o explicou esta mañá no Parlamento de Galicia o director de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, que sinalou ademais o fortalecemento da rede de Centros Integrados de FP (CIFP) como outro dos obxectivos de cara ao futuro dos ciclos formativos.
O director xeral salientou o interese do tecido socioprodutivo de Galicia pola formación e cualificación dos futuros profesionais. “De feito - explicou- o ano pasado máis de 7.900 empresas participaron no programa de Formación en Centros de Traballo (FCT)”. Neste sentido indicou que a Consellería está a traballar para que cada vez máis empresas se sumen á experiencia da FP dual, que comezou este luns a funcionar nun proxecto experimental da Consellería en colaboración coa empresa Coremain para 15 alumnas e alumnos do ciclo formativo de grao superior de Sistemas de Telecomunicación e Informáticos.
“Entendemos - dixo- que a futura lei de educación na que se está traballando, a LOMCE, dá unha maior relevancia á FP e á colaboración coas empresas, o que reforza a necesidade de apoio mutuo entre administración e empresas, nas que o alumnado vive unha situación real nun contorno produtivo case idéntico ao que vai atopar nun futuro próximo”. De feito, a novidade deste modelo consiste en que por primeira vez, a formación curricular co traballo remunerado nunha empresa -mediante contrato laboral-, mantendo a obtención dunha titulación oficial.
Outras actuacións
O director xeral sinalou tamén o labor que a Administración educativa galega está a completar o catálogo de titulacións, “con currículos adaptados á realidade e o tecido empresarial da comunidade e grazas ás posibilidade formativas que ofrecen os CIFP”. Neste sentido cómpre lembrar que, desde o fortalecemento da rede de centros integrados, os 17 hoxe existentes ofrecen o 34% do número total de prazas nestas ensinanzas, “o que permitiu atender a demanda crecente que existe entre os alumnos”.
Así mesmo, o director xeral sinalou que haberá que dar pasos normativos “que permitan establecer os principios e as bases da formación ao longo da vida nas diferentes etapas, niveis, formación profesional, educación formal e non formal e orientación profesional de acordo coa realidade galega actual”; toda vez que nos vindeiros anos “a aposta do modelo de formación en Galicia pasa por potenciar a formación e a cualificación profesional para os galegos e galegas”.