Cultura e Educación leva ao Gaiás a maxia da música flamenca a través do espectáculo para toda a familia “Flamenco Kids”

O 10 de marzo terá lugar este espectáculo didáctico onde os sons ancestrais serán o vehículo para contar divertidas historias da man dos habitantes de ‘Quillolandia’

O concerto terá lugar en dúas quendas, ás 12 e ás 17 horas, e as entradas xa están á venda en www.servinova.com

Lun, 18/02/2013 - 13:42
Cultura e Educación leva ao Gaiás a maxia da música flamenca a través do espectá
Cultura e Educación leva ao Gaiás a maxia da música flamenca a través do espectáculo para toda a familia “Flamenco Kids”

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva ao Gaiás a maxia do flamenco a través dun espectáculo de música e humor para toda a familia: Flamenco Kids.

Tras o éxito da ópera Il Cirque D’Amore, o ciclo Brinca Gaiás -co que a Cidade da Cultura pretende achegarlle aos máis pequenos da casa a paixón pola música, a ópera, o teatro ou a danza a través do xogo e a diversión- aposta o vindeiro 10 de marzo polo flamenco.Flamenco Kids ofrécelle a pequenos e maiores un concerto didáctico e ameno onde o flamenco e os sons ancestrais convértense no vehículo estético e rítmico para contar unhas historias protagonizadas por un grupo de amigos do mundo máxico de ‘Quillolandia’ e que chegarán á alma de todos os nenos.

Aventuras, música e aprendizaxe son os alicerces básicos de Flamenco Kids, un completo espectáculo que se apoia nas bondades do mar Atlántico para, cuns personaxes creativos e unha música de raíces ancestrais, lograr obxectivos educativos a través do xogo.

Entradas xa á venda

O Centro de Innovación Cultural (CINC) será o escenario deste espectáculo pensado para nenos a partir de 3 anos. Flamenco Kids terá lugar o domingo 10 de marzo en dúas quendas: 12 e 17 horas e as entradas xa están á venda en www.servinova.com a un prezo de 5 euros máis gastos de xestión ou a 5 euros no Espazo On da Cidade da Cultura. A entrada o mesmo día do concerto poderá adquirirse a 6 euros na billeteira do CINC.