Xesús Vázquez Abad subliña a importancia de intensificar a colaboración entre a administración e as empresas para mellorar a empregabilidade e acadar unha FP de excelencia

O conselleiro afirmou no Fórum Europa que a LOMCE dará “unha maior relevancia á FP e á colaboración coas empresas, o que reforza a necesidade de apoio mutuo entre administración e empresas, nas que o alumnado vive unha situación real nun contorno produtivo case idéntico ao que se vai atopar nun futuro próximo.”

Ven, 15/02/2013 - 11:38
Xesús Vázquez na súa comparecencia no Forum Europa-Tribuna Galicia
Xesús Vázquez na súa comparecencia no Forum Europa-Tribuna Galicia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, protagonizou hoxe o almorzo informativo do Fórum Europa Tribuna Galicia, organizado por Nueva Economía Fórum. Durante a súa intervención o conselleiro abordou diversos aspectos relativos ao presente e o futuro da Formación Profesional na nosa terra e á relación desta coas empresas.  Asemade, Vázquez Abad referiuse aos novos horizontes que se abren coa posta en marcha da FP Dual e nos que, en moitos aspectos, Galicia é pioneira.

Retos da formación e o emprego

No actual contexto de crise, afirmou Xesús Vázquez, “a educación resulta básica para a transformación social, económica e cultural e para o razoable melloramento das nosas bases materiais de vida.”

“Os traballadores con cualificación media alta –dixo o conselleiro–teñen maiores opcións de encontrar mellores empregos, segundo o Centro Europeo para o Desenvolvemento da Formación Profesional (CEDEFOP). No 2020 en Europa haberá sete millóns de empregos máis que na actualidade, pero as vacantes produciranse en profesións con elevada esixencia de coñecementos e competencias, o que nos proporciona unha motivación excelente para traballar nesa dirección.”

Adicionalmente, “a tendencia, hoxe en día –afirmou Vázquez Abad–, é que as persoas que cursan os ciclos de grao superior teñan unha maior empregabilidade e estabilidade no emprego”. Unha realidade consonte coa demanda do propio mercado laboral de “persoas cunha maior cualificación profesional, persoas preparadas a todos os niveis.”

Avances na Formación Profesional en Galicia

Ao referirse ao caso de Galicia, Vázquez Abad lembrou que nos últimos catro anos a matrícula incrementouse un 38%, pasando de 34.000 a 47.000 alumnas e alumnos e que “levamos xa unha lexislatura completa traballando na adaptación e mellora da formación profesional aos tempos actuais e á nosa realidade socioprodutiva, afrontando un importante traballo normativo e organizativo.” Trocando así a percepción sobre a FP, entendéndose agora como un ensino de prestixio, que, en parte, inclúese dentro da educación superior e resposta ás necesidades produtivas do país.

Durante o 2012 un total de 11.560 alumnos pertencentes a 423 centros de estudios realizaron as súas prácticas de Formación en Centros de Traballo (FCT) en 7.984 empresas. Neste eido, Vázquez Abad anunciou no foro que “hoxe estamos a facer cambios na normativa para flexibilizar o período no que se realiza o módulo de FCT, para que un maior número de empresas poidan participar e, deste xeito, aumentar a empregabilidade do alumnado” e que, así mesmo, estase a estudar “a articulación dalgún tipo de recoñecemento para as empresas que colaboran no desenvolvemento do módulo da Formación en Centros de Traballo da formación profesional.” Destacando que “á hora de buscar un traballo acorde coa súas competencias, o módulo FCT mellora de xeito significativo a empregabilidade do alumnado que remata os seus estudos.”

O conselleiro destacou a importancia dunha estreita colaboración entre as institucións educativas e as empresas, recoñecendo o traballo que moitos empresarios galegos levan desempeñado durante os últimos 20 anos “para facer posible que a capacitación do alumnado da FP sexa completa.”

Así mesmo, o conselleiro lembrou que en datas próximas arranca o proxecto experimental de FP Dual que se realizará en colaboración coa empresa Coremain no CIFP Politécnico de Santiago. “A novidade desta iniciativa –en palabras de Vázquez Abad– vén dada polo feito de que se combina, por primeira vez, a formación curricular co traballo remunerado nunha empresa –mediante contrato laboral–. A partir da vindeira semana, as 15 alumnas e alumnos seleccionados van traballar e adquirir coñecementos e experiencia nun centro de traballo real, e recibirá formación complementaria á establecida no seu currículo formativo.”

Tamén se abordaron na conferencia temas como a acreditación de competencias, o fomento do espírito emprendedor na FP e o Plan de Emprendemento do Sistema Educativo de Galicia –eduemprende–, e dos espazos de coworking, entre outros aspectos.  

Xesús Vázquez Abad pechou a súa intervención neste almorzo informativo, celebrado hoxe pola mañá no Hostal dos Reis Católicos de Santiago, expresando a necesidade de medrar respectando a identidade e as raíces propias e afirmando o compromiso da Xunta cunha “formación profesional baseada en criterios de eficiencia, calidade, excelencia e competitividade global e local.”