O conselleiro de Cultura e Educación comparte coa comunidade do CEIP O Couto a celebración do Día Mundial da Paz

Xesús Vázquez Abad anunciou para este 2013 un investimento de arredor de 130.000 euros para o arranxo das cubertas do colexio

Ademais aproveitou a súa visita ao centro para comprobar o estado das instalacións tras as melloras realizadas por un importe superior aos 340.000 euros

Mér, 30/01/2013 - 11:26
Xesús Vázquez Abad na celebración do Día da Paz no CEIP O Couto
Xesús Vázquez Abad na celebración do Día da Paz no CEIP O Couto

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, compartiu hoxe a celebración do Día Escolar da Paz e da Non Violencia coa comunidade educativa do CEIP O Couto, na cidade de Ourense, nun acto onde estivo ademais acompañado polo director do centro, José Luis Pereira Pérez; polo delegado territorial da Xunta na provincia, Rogelio Martínez; e pola xefa territorial da Consellería na provincia, Mercedes Gallego.

Durante a súa visita ao colexio, no que estudan 402 alumnas e alumnos de infantil e primaria, Vázquez Abad anunciou que o seu departamento ten previsto para este 2013 investir arredor de 130.000 euros para o arranxo das cubertas. Ademais, tivo a oportunidade de comprobar o estado das instalacións tras as melloras realizadas pola consellería ao longo da pasada lexislatura, que supuxeron un investimento de máis de 340.000 euros. “Grazas a este esforzo económico- explicou- realizáronse diferentes actuacións, tales como o pintado das aulas, instalacións dun ascensor, reparación da instalación de fontanería ou colocación de barandillas. Ademais realizáronse traballos de acondicionamento no ximnasio e nos aseos, entre outras melloras do centro”, resumiu.

Plurilingüismo e biblioteca

O conselleiro interesouse tamén polo funcionamento das seccións bilingües coas que conta o centro en educación artística e plástica, nos cursos de 5º e 6º de primaria. Grazas a elas, e ao apoio dunha auxiliar de conversa irlandesa, os escolares melloran este curso os seus coñecementos de inglés, no marco do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras posto en marcha polo departamento dirixido por Vázquez Abad. Tal e como explicou o conselleiro “é unha oportunidade única para que estas nenas e nenos poidan coñecer de preto a cultura anglosaxona, a través do contacto directo con esta auxiliar, ao tempo que melloran as súas competencias na lingua inglesa, sobre todo desde o punto de vista oral”.

Así mesmo Vázquez Abad visitou a biblioteca escolar do centro, que ten recibido da Consellería 6.550 euros para a mellora dos seus equipamentos e fondos; e interesouse polo funcionamento do grupo de atención a alumnado con altas capacidades co que conta o colexio.

Crebacabezas e manifesto pola paz

Durante este acto de celebración formouse un crebacabezas cuxas pezas foron elaboradas polas alumnas e alumnos de educación infantil e do primeiro ciclo de educación primaria. Ademais, para a ocasión, as nenas e nenos do segundo ciclo de primaria fixeron carteis coa palabra paz en distintas linguas. Despois os nenos do terceiro ciclo leron un manifesto e un decálogo pola paz, elaborado por eles mesmos. Os actos remataron cunha solta simbólica de globos brancos e coa interpretación dunha canción a prol da paz. Con esta celebración, que foi recoñecida pola UNESCO en 1993, conmemórase, desde 1964, a morte de Gandhi.

O conselleiro salientou a importancia da educación para o respecto dos Dereitos Humanos, para que “xa desde ben pequenos as galegas e galegos do mañá sexan conscientes da necesidade de seren solidarios, tolerantes e respectuosos, de aceptar a diferenza. Desde a Consellería, coa Lei de convivencia e participación da comunidade educativa, intentamos precisamente velar polo bo clima nas aulas galegas, o que supón unha das bases fundamentais para que se poidan dar uns bos resultados académicos”.