A Xunta comparece no supremo para ter opción a recorrer contra as sentenzas do TSXG sobre o plurilingüismo

Á espera dunha resposta construtiva da oposición, a Consellería esgotou o prazo deste trámite preceptivo para presentar a casación

Mar, 29/01/2013 - 18:25

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria efectuou hoxe diante do Tribunal Supremo o trámite formal de simple comparecencia, un paso preceptivo para poder presentar o recurso de casación contra as sentenzas ditadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre o decreto do plurilingüismo. A Consellería compareceu o derradeiro día do prazo, xa que agardou ata o último momento por se se producía algunha resposta dialogante e construtiva acerca da proposta que no seu día fixo o presidente da Xunta.

Nese sentido, a Consellería non pode admitir as imposicións que algúns partidos ou colectivos pretenden, porque serían contrarias ao expresado pola maioría do pobo galego nas urnas, e contrarias ás sentenzas do TSXG, que non derrogou, como pretendían os recorrentes, o decreto do plurilingüismo. Como é sabido, esa mesma pretensión derrogatoria, carente de apoio social e xurídico, foi esgrimida por algún partido como única resposta á man tendida do presidente de negociar sobre a base dos ditames emitidos polo tribunal galego.

A partir de hoxe, o Tribunal Supremo dispón dun máximo de 30 días para comunicarlle á Xunta que prazo lle concede para presentar formalmente o recurso de casación, presentación que non impediría a súa retirada se os recorrentes e a oposición aceptasen  a mencionada proposta feita hai máis dun mes polo presidente da Xunta.