Cultura e Educación aposta pola estabilidade na docencia cunha convocatoria de 200 prazas de mestres e 22 de inspectores
A Consellería presentou hoxe na mesa sectorial do ensino non universitario a oferta de emprego público para 2013
O obxectivo é cubrir as necesidades do sistema, con especial atención á diversidade do alumnado e ao impulso do plurilingüismo
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentou hoxe aos sindicatos na mesa do ensino non universitario a oferta de emprego público para 2013. unha OPE na que aposta pola estabilidade na docencia cunha convocatoria de 200 prazas para o corpo de mestres e 22 para o de inspectores de educación, que se publicará antes de que finalice o primeiro trimestre do ano. Con esta oferta, Galicia é a segunda comunidade – de entre as que confirmaron os datos da súa OPE no corpo docente- que máis prazas convoca, a primeira na relación proporcional co número de profesorado existente.
A oferta de emprego público de Cultura e Educación busca cubrir as necesidades do sistema educativo público, co obxectivo de que Galicia continúe a ser unha das Comunidades Autónomas cunha das taxas máis baixas de temporalidade. Ademais, presta especial atención á cobertura das necesidades específicas de atención da diversidade do alumnado galego, así como ao impulso do plurilingüismo a través do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras.
Conforme aos devanditos compromisos, convocaranse 50 prazas para a especialidade de mestre de infantil, 50 na de inglés, 50 na de pedagoxía terapéutica e 50 para a de audición e linguaxe. Así mesmo, haberá unha oferta de 22 prazas para o corpo de inspectores de educación. Deste xeito o departamento educativo da Xunta de Galicia dá cobertura ás demandas reais do sistema, ao tempo que reafirma o seu compromiso coa consolidación do emprego público no corpo docente.
Modelo e temarios
O modelo de oposición seguirá as liñas básicas fixadas para todas as Comunidades Autónomas no Real Decreto 276/2007, de 23 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de ingreso, accesos e adquisición de novas especialidades nos corpos docentes, unha vez transcorrido o período transitorio que a Lei Orgánica de Educación (LOE) establecía para os seus anos de implantación.
Respecto dos temarios - e conforme ao ditado pola Orde ECD/191/2012, de 6 de febreiro (BOE de 7 de febreiro), pola que se regulan os temarios que han rexer nos procedementos de ingreso, accesos e adquisición de novas especialidades nos corpos docentes establecidos na Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de Educación- serán de aplicación os establecidos no anexo I da Orde de 9 de setembro de 1993 - para as especialidades de infantil, inglés, pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe- e o fixado pola Orde ECI/592/2007, de 12 de marzo, no caso do corpo de inspectores.
Currículos de FP
A mesa sectorial do ensino non universitario analizou, ademais, os proxectos de decreto polos que se establecen os currículos dos ciclos formativos de grao superior correspondentes ao título de técnico superior en produción de audiovisuais e espectáculos; en realización de proxectos de audiovisuais e espectáculos; en animación en 3D, xogos e contornos interactivos; en iluminación, captación e tratamento de imaxe; en mecatrónica industrial; en automatización e robótica industrial; en transporte marítimo e pesca de altura; en estilismo e dirección de peiteado; e en programación da produción en moldeamento de metais e polímeros.
Así mesmo foron tratados os currículos dos graos medios correspondentes aos títulos de técnico en mantemento electromecánico; en mantemento electrónico; en construción; e en obras de interior, decoración e rehabilitación.