Cultura e Educación porá en marcha, con Coremain, o primeiro proxecto experimental de Formación Profesional dual en Galicia

Por primeira vez no sistema educativo galego 15 alumnos do ciclo formativo de grao superior en sistemas de telecomunicacións e informáticos combinarán formación curricular con traballo remunerado nunha empresa

A Consellería aposta por esta iniciativa como vía para a mellora da inserción laboral dos estudantes da FP

Mar, 15/01/2013 - 13:00

Declaracións do conselleiro de Cultura e Educación

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Ab
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o director financieiro de Coremain SLU, Javier Atán Castro, asinaron hoxe un convenio de colaboración co que se inicia o proceso de implantación do sistema de Formación Profesional dual en Galicia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o director financieiro de Coremain SLU, Javier Atán Castro; asinaron hoxe un convenio de colaboración co que se inicia o proceso de implantación do sistema de Formación Profesional dual en Galicia. O proxecto, que se porá en marcha con carácter experimental con 15 estudantes no ciclo formativo de grao superior en sistemas de telecomunicacións e informáticos, é o primeiro deste tipo que se desenvolve na nosa comunidade autónoma, o que dá mostra da aposta do departamento educativo da Xunta de Galicia pola mellora da inserción laboral dos estudantes de ciclos formativos a través da adquisición de experiencia en centros de traballo reais. Ao acto, ademais dos asinantes, asistiron o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; o conselleiro delegado de Coremain, Carlos Martí; e o xerente de Outsourcing, Juan Carlos Rodríguez Lemos.

O novidoso deste proxecto vén dado, precisamente, polo feito de que se combina por primeira vez a formación curricular co traballo remunerado nunha empresa – neste caso Coremain-, na que ademais as alumnas e alumnos recibirán formación complementaria á establecida no currículo formativo correspondente, co fin de reforzar a súa preparación e mellorar a súa empregabilidade. Deste xeito, dos 2 anos e medio de duración do proxecto, o 21,7% desenvolverase no centro educativo correspondente, mentres que o restante se levará a cabo nas instalacións de Coremain.

Para poñelo en marcha, abrirase unha convocatoria –que se publicará mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG)– para seleccionar a 15 persoas interesadas en cursar o ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de sistemas de telecomunicacións e informáticos ao abeiro deste proxecto. O período formativo desenvolverase no CIFP Politécnico de Santiago – para o que se dotou ao centro dun profesor máis- e nas instalacións de Coremain desde febreiro de 2013 ata agosto de 2015. En palabras do conselleiro delegado da empresa, “Coremain vai poder participar nos contidos formativos adaptándoos ás necesidades reais de la empresa, e isto vai beneficiar especialmente ao alumno xa que ao rematar o ciclo formativo estará plenamente integrado no mundo laboral, a diferenza do que ocurre hoxe en día”

Selección do alumnado

Os interesados en participar nesta iniciativa poderán presentar as súas solicitudes entre o 21 e as 13 horas do 25 de xaneiro. O CIFP Politécnico de Santiago de Compostela fará público a relación definitiva de persoas candidatas que cumpra nos requisitos de acceso aos ciclos formativos. De entre elas, a empresa Coremain será a encargada de realizar a selección dos 15 estudantes, a través dun proceso de dúas fases. Na primeira delas realizará probas de coñecementos e capacitación profesional. Quen as superen, pasarán ás entrevistas psicoprofesionais que lles fará a empresa para seleccionarás persoas que mellor se axusten ao perfil do posto de traballo que van desempeñar.

A convocatoria vai dirixida a persoas que cumpran os requisitos de acceso aos ciclos formativos e que non teñan realizado con anterioridade un contrato de formación e a aprendizaxe. Con carácter xeral, os candidatos non poden estar –nin ter estado–matriculados en ningunha ensinanzas no presente curso académico, aínda que, de xeito excepcional, a Consellería poderá autorizar a matrícula no proxecto ás persoas aspirantes matriculadas en ciclos formativos polo réxime de persoas adultas.

Contrato de traballo

Esta experiencia pioneira de FP dual terá unha duración de 4.828 horas, ao longo de 2 anos e medio. Delas, 1.899  serán de formación, 1.590 corresponderán a formación curricular que permitirá ao alumnado obter o título de formación profesional (1.050 horas se impartiran no CIFP Politécnico de Santiago e as outras 540 horas de formación curricular se completarán na empresa), e 309 horas serán de formación complementaria propia da empresa, adicional á establecida no currículo do ciclo .O peso desta parte irá diminuíndo ao longo dos cursos, desde un 55% no 2013 a un 28% no 2015.

Ademais, as alumnas e alumnos realizarán un total de 2.929 horas de traballo efectivo. Desde o 2013 o peso desta parte da preparación irá aumentando: do 45% do primeiro ano ao 72% do último curso. No tempo de traballo efectivo na empresa o estudante terá un contrato de traballo para a formación e a aprendizaxe, de acordo co recollido no título II do RD 1529/2012, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da FP dual. Trátase dun contrato remunerado, polo que o traballador se acollerá ademais ao convenio colectivo da compañía e ás normas da mesmas en materia e normativa laboral. De feito, a retribución fixarase consonte ao estipulado no convenio colectivo, en proporción ao tempo de traballo efectivo que realicen.

A distribución horaria establecerase do seguinte xeito:

A distribución horaria

 

Seguimento do proxecto

Co fin de garantir o correcto funcionamento do proxecto, Coremain nomeará un  titor ou titora para cada estudante, que será responsable do seguimento ca actividade formativa e da súa coordinación coa laboral; así como da comunicación co centro educativo. Así mesmo, o CIFP Politécnico designará un docente como titor ou titora responsable de seguir a formación, coordinar a avaliación e servir como interlocutor coa empresa.

Ademais, establecerase unha comisión de seguimento, control e supervisión do proxecto, constituída por membros da Consellería, do CIFP e da compañía.

Unha oportunidade para a economía galega

A iniciativa experimental da FP dual supón, ademais dun beneficio engadido para os estudantes, unha oportunidade para a empresa. Desta forma, a compañía poderá formar a futuros profesionais, dándolles coñecementos específicos axustados ás necesidades reais do sector en Galicia.

A Consellería traballa na liña de impulsar este sistema de formación en colaboración con outras empresas galegas, de tal xeito que as sinerxías redunden nun avance para a nosa economía e para o tecido socio-produtivo.