Vázquez Abad convida ao alumnado participante na VIII fase galega da Olimpíada de Bioloxía a facer da cultura do esforzo un xeito de vida

O conselleiro felicitou aos estudantes de 2º Bacharelato que tomaron parte na competición pola súa curiosidade e interese

A proba realizouse esta tarde na Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña

Ven, 11/01/2013 - 18:57

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, clausurou hoxe a VIII fase autonómica galega da Olimpíada de Bioloxía, onde felicitou ao alumnado participante por terse animado a tomar parte na competición. Nesta mesma liña, Vázquez Abad convidounos a ”contribuír coas vosas achegas, a cultivar a vosa curiosidade por todo o que vos rodea e, sobre todo, a facer da cultura do esforzo un xeito de vida”.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia felicitou tamén ás familias, así como aos centros educativos polo seu labor de orientación e polo esforzo dos docentes, “pola súa guía e apoio”. Vázquez Abad aproveitou o acto de clausura para salientar esta competición como unha parte indisoluble da mellora dun sistema educativo que procura a excelencia. Neste sentido, sinalou a contribución da Olimpíada a divulgar a bioloxía e a súa aprendizaxe, así como a captar talentos incipientes.

Finalistas

Na proba final, realizada esta tarde na Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña, participaron 105 alumnas e alumnos de 2º de Bacharelato acompañados duns 35 profesores. Todos eles resultaron seleccionados polos seus respectivos centros educativos, e recibiron cadanseu diploma acreditativo tras realizar unha proba teórica tipo test e unha proba práctica sobre os contidos da materia en 1º e 2º de bacharelato.

Paula Rodríguez Rivas; Alberto Ramos Fernández e Fernando Castro Prado foron os cualificados nos tres primeiros postos, os tres estudantes do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, serán os encargados de representar a Galicia na fase nacional da Olimpíada de Bioloxía, que se celebrará en Madrid entre o 7 e o 10 de marzo de 2013. Os 4 primeiros clasificados nesta competición representarán a España na Olimpíada Internacional de Bioloxía (IBO), que se celebrará en Berna (Suíza) entre o 14 e o 21 de xullo de 2013; mentres que os 4 seguintes o farán na Olimpíada Iberoamericana. Ademais, todos os participantes da fase nacional poderán realizar unha estadía de investigación dunha semana nun centro do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC).

Entidades colaboradoras

Durante o transcurso da clausura interviñeron tamén para felicitar aos participantes o delegado da Olimpíada Española de Bioloxía, Pedro Nozal; os decanos das facultades de Bioloxía das universidades de Vigo, e Santiago de Compostela, Jesús Míguez e Mariluz González Caamaño, respectivamente; e o da de Ciencias da Universidade de A Coruña, Horacio Naveiras Fachal. Así mesmo, estiveron presentes a presidenta do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia (COBGA), Mercedes Casal Jiménez; a directora do grupo de traballo das probas de acceso á universidade da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), Mª Ángeles Bernal Pita da Veiga, e a bióloga e inspectora de Educación Berta Estrada Arias.

A Asociación Olimpíada de Bioloxía (OEB) convoca esta Olimpíada co patrocinio da Consellería de Cultura e Educación, as tres universidades galegas, o COBGA e a CIUG, o que favorece o establecemento de relacións de colaboración entre estas entidades. Con ela preténdese premiar e estimular o esforzo do traballo ben feito e a excelencia, tanto do alumnado como do profesorado. Así mesmo, esta proba serve para achegar o ensino universitarios aos futuros estudantes das facultades, así como para fomentar entre eles o interese pola investigación.