O IES Audiovisual de Vigo albergará o programa Nadal de Cine, o primeiro obradoiro de cine para nenos que organiza a asociación Vigo Film Commision

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, presentou esta mañá o programa xunto ao director do IES Audiovisual, Rogelio Mariño, e o representante da Vigo Film Commission, Darío Carrera
Ven, 11/12/2009 - 09:52

Os nenos e nenas vigueses de entre 4 e 12 anos están de noraboa. Por primeira vez organízase o programa Nadal de Cine, unha boa proposta para que os máis cativos da casa pasen unhas vacacións diferentes e divertidas cunha actividade que ten coma finalidade achegar a cultura audiovisual aos nenos e nenas a través duns obradoiros de cine eminentemente prácticos, coa colaboración da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Nadal de Cine é unha iniciativa da recén organizada Asociación Vigo Film Commission e levaranse a cabo no IES Audiovisual de Vigo, nas súas instalacións ubicadas en Bouzas, entre o 23 de decembro e o 5 de xaneiro en sesións de mañá, de 09.00 a 13.30 horas. Conta cun número limitado de prazas polo que aquelas persoas que estean interesadas en inscribir aos seus fillos deben facelo antes do 15 de decembro a través da dirección de correo electrónico nadaldecine@vigofilmcommission.es indicando os datos do neno ou nena.

Esta mañá, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, xunto ao director do IES Audiovisual de Vigo, Rogelio Mariño, e o representante da Vigo Film Commission, Darío Carrera, levaron a cabo a presentación do programa de Nadal, que ten coma principal obxectivo crear un espazo de coñecemento e intercambio de experiencias para achegar, de forma lúdica e participativa, a maxia do cine aos nenos e nenas inscritos.

A intención é que a actividade sexa unha alternativa que permita a todos os alumnos desenrolarse coma espectadores activos e críticos ademais de proporcionarlle as ferramentas e o clima necesario para a creación e a experimentación. Por este motivo, o obradoiro está organizado en tres bloques. Un primeiro de traballo, sobre a análise, a experimentación e a creación da imaxe. Un segundo, no que se xogará ao cine de ficción, inventando historias e personaxes que logo rodarán en pequenas secuencias e, por último, un terceiro bloque con dúas partes; unha na que a pretensión é achegar a realidade a través da cámara e, outra, na que os nenos e nenas experimentarán con cine de animación elaborando os seus propios debuxos e personaxes de plastilina.

A delegada territorial destacou a actividade organizada por esta nova asociación, valorando moi positivamente que os monitores sexan os propios alumnos dos ciclos de Producción e Audiovisuais do IES de Vigo e, sobre todo, porque se trata dunha iniciativa "lúdica, diferente e orixinal" encamiñada aos nenos e nenas nun período vacacional como é o Nadal no que "os pais deben ter alternativas para que os seus fillos se entreteñan e pasen unhas boas vacacións". A responsable do Goberno galego na cidade destacou tamén os obxectivos do programa de Educación, coma é o caso de formar á poboación infantil nunha materia coma é o audiovisual que, tradicionalmente, non soe estar vencellada ao Nadal e aos máis cativos así coma a de fomentar a creatividade e as habilidades artísticas e, sobre todo, a de divertir e entreter.

Pola súa banda, Darío Carrera, representante da Vigo Film Commission, desgranou polo miúdo o programa de actividades que se levarán a cabo no obradoiro, destacando así o contacto que os nenos e nenas terán con todos os conceptos relacionados co cine e co mundo da imaxe en movemento ademais de explicar que os alumnos se dividirán en grupos de traballo segundo as idades, dándolle especial relevancia á creación colectiva. Así, matizou que se lles formularán unha serie de actividades coma a creación de personaxes e de interpretación, onde os rapaces, dixo, "traballarán, entre outras cousas, a caracterización a través de talleres de maquillaxe e disfraces ademais de ter contacto tamén co concepto do cine de animación gracias aos obradoiros de "stop motion" en plastilina, o uso da cámara e a filmación "fotograma a fotograma", explicou.

Por último, o director do IES Audiovisual de Vigo, Rogelio Mariño, agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia por apoiar este tipo de iniciativas lideradas por xente nova ademais de resaltar tamén o traballo feito pola Asociación Vigo Film Commission que, coma dixo, "pretende dar a coñecer o sector audiovisual por dentro á xente da rúa a través deste tipo de actividades formativas".

A Asociación Vigo Film Commission

Vigo Film Commission é unha entidade sen ánimo de lucro que se creou o pasado mes de febreiro e que xurdiu coas inquedanzas de varios mestres do IES Audiovisual de Vigo pola necesidade de coordinar, impulsar e promocionar a actividade audiovisual no ámbito xeográfico da provincia.

Os principais fins que teñen son: difundir no ámbito nacional e internacional as posibilidades que ofrece a provincia para situar nela a producción de obras audiovisuais e cinematográficas; realizar unha actuación integral que fomente os valores culturais e patrimoniais da provincia; fomentar a comunicación da agrupación e a colaboración entre empresas e profesionais do sector así coma contribuír a dotar aos empresarios e profesionais do sector audiovisual os instrumentos necesarios para facilitar a súa competitividade en mercados internacionais.