O Consello da Xunta aproba a modificación do decreto polo que se aproban os prezos públicos polo uso dos comedores escolares

O importe dos menús aboarase a mes vencido e só polos días no que o alumnado teña utilizado o servizo
Ven, 11/12/2009 - 09:50

O Consello da Xunta autorizou hoxe a modificación do decreto polo que se aproban os prezos públicos pola utilización dos comedores escolares nos centros públicos non universitarios dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

En virtude desta modificación, as familias cuxos fillos ou fillas usen este servizo efectuarán o pagamento a mes vencido, e só polos días no que comeron na escola. Deste xeito, o importe que se pagará será o resultado de multiplicar o prezo que corresponda a cada alumno ou alumna polo menú diario, polo número efectivo de días de uso. Esta cantidade deberá ser aboada nos cinco primeiros días do mes seguinte ao da prestación do servizo en calquera das entidades de depósito autorizadas pola Consellería de Facenda para a xestión recadatoria. Tamén poderán utilizar a oficina virtual tributaria, realizando o pagamento de xeito telemático.

Para garantir un correcto cómputo dos días de uso do servizo, as familias deberán comunicar con antelación aos correspondentes centros de ensino os días nos que os escolares non van asistir ao comedor. En todo caso, e se fixesen un ingreso superior ao debido nalgún dos períodos de liquidación mensuais, poderán pedir a súa dedución nas seguintes mensualidades do mesmo curso.

Pagamentos atrasados

De acordo coa Lei de taxas, prezos e exaccións reguladoras de Galicia, este ano escolar o importe dos menús dos comedores escolares dos centros de ensino públicos foi aprobado e establecido con base en prezos públicos. Porén, as familias atopáronse con algunhas dificultades á hora de efectuar os pagamentos a principio de curso, polo que, para evitar posibles problemas, a Consellería de Educación decidiu adialos.

Aprobada a modificación do decreto e corrixidas as disfuncións no sistema, a suma dos pagamentos non satisfeitos pola utilización do servizo de comedor durante os meses de setembro, outubro, novembro e decembro, será fraccionada en seis cotas iguais. Os pais e nais terán que liquidar e ingresar cada unha delas de xeito complementario cos pagamentos ordinarios dos meses de xaneiro a xuño deste curso. Con este rateo, Educación intenta minimizar as molestias que esta eventualidade puidera ter causado ás familias.