Cultura e Educación investirá case 600.000 euros para a contratación de 17 investigadores da etapa posdoutoral nas universidades galegas

Con eles, iníciase a progresiva implantación do Plan I2C na etapa posdoutoral facilitando a integración dos doutores que se comezaron a formar no Plan INCITE

Ademais estanse a recibir e analizar as máis de 200 solicitudes para as 50 prazas convocadas na modalidade A

Ven, 04/01/2013 - 10:11
Cultura e Educación investirá case 600.000 euros para a contratación de 17 inves
Cultura e Educación investirá case 600.000 euros para a contratación de 17 investigadores da etapa posdoutoral nas universidades galegas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria investirá case 600.000 euros para facilitar a contratación por parte dos centros do Sistema Universitario de Galicia (SUG) de 17 investigadores da etapa posdoutoral, co obxecto de favorecer que persoas que comezaron a súa formación no Plan Incite continúen a súa traxectoria investigadora no marco do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 (I2C).

Ao abeiro da resolución de axudas -publicada no Diario Oficial de Galicia- a Consellería apoiará a contratación de doutores cunha formación posdoutoral contrastada nas universidades do SUG, en concreto de 9 da Universidade de Santiago de Compostela, 6 da Universidade de Vigo e 2 da Universidade da Coruña.

En concreto, esta liña de axudas – que se corresponde coa modalidade B das dirixidas á etapa posdoutoral- vén facilitar o acceso a un contrato dun ano a investigadoras e investigadores  que acadaron unha praza nunha universidade do SUG no programa Ángeles Alvariño 2008, que xa remataron o seu período de estadía de 24 meses e que non tiveron posibilidade de optar a ningunha convocatoria para continuar a súa formación.

Apoio á etapa inicial de formación posdoutoral Plan I2C

Ademais da resolución destas axudas, que pode consultarse no portal educativo - /portal/node/7863 - a Consellería está nestes momentos a recibir e analizar a documentación das máis de 200 solicitudes presentadas polas universidades galegas para a modalidade A, dirixida á contratación de persoal doutor por un período de tres anos para a súa formación especializada no estranxeiro e nas propias universidades durante a etapa posdoutoral.

Nesta modalidade, a Consellería financiará un máximo de 50 axudas cunha retribución bruta anual variable en función dos países onde o persoal doutor desenvolva as súas estadías. Nos dous anos de estadía a dotación mínima do programa oscilará entre os 34.000 € e os 40.000 €, para cada unha das axudas en función dos países de destino. No ano de contrato retorno a retribución equipárase coa dos investigadores en activo do programa Isidro Parga Pondal e supón un total de 35.200 € por axuda outorgada. Nestas cantidades está incluído un seguro de accidentes, responsabilidade civil e cobertura médica de cada unha das persoas seleccionadas nos períodos de permanencia fóra do país.

Os seleccionados, no contexto deste programa, deberán de superar un proceso de avaliación intermedio e outro final de acordo con criterios de excelencia científica que, no caso de que o superen, os habilitará para acceder a unha segunda fase de axudas posdoutorais de dous anos de contrato nunha universidade galega para continuar coa súa formación e permitir a reversión na Comunidade Autónoma do investimento realizado no seu día e do capital de coñecemento adquirido.

Desenvolvemento do Plan I2C

A convocatoria desta axudas permite manter a aposta da Xunta de Galicia polos recursos humanos ligados ao Sistema Galego de I+D+I, unha iniciativa que se está a ver reforzada no seo do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 (I2C).

Deste xeito, o departamento educativo da Xunta de Galicia fomenta que as universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG) contraten persoal doutor co obxecto de mellorar a súa formación a través de procesos de internacionalización e posibilitando, ademais, o seu reingreso nunha universidade do SUG cun ano máis de contrato.

Dada a complexidade do programa creouse un grupo de traballo entre a Secretaría Xeral de Universidades e as tres universidades galegas que traballaron conxuntamente nas liñas básicas que permitiron acadar un consenso entre os diferentes intereses e necesidades, que fai posible esta convocatoria.

Menús News node R

Colectivo

Tema

Ensinanza