Cultura e Educación e COGAMI colaborarán para impulsar a empregabilidade do alumnado da FP a través da formación dos estudantes en centros de traballo
O conselleiro, Xesús Vázquez Abad, e o presidente da confederación, Anxo Queiruga, asinaron hoxe un convenio para que os estudantes de Formación Profesional realicen o módulo de formación en centros de traballo nos centros de COGAMI
A Consellería ofrecerá aos traballadores de COGAMI a posibilidade de acreditar a súa experiencia profesional cun certificado de profesionalidade ou co recoñecemento de unidades de competencia de ciclos formativos
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), colaborarán na formación do alumnado da Formación Profesional e no impulso da súa empregabilidade. Para iso, o conselleiro, Xesús Vázquez Abad, e o presidente da confederación, Anxo Queiruga, asinaron hoxe na Cidade de Cultura de Galicia un convenio a través do que se abre a porta á realización do módulo de formación en centros de traballo (FCT) dos ciclos formativos de formación profesional e dos programas de cualificación profesional inicial (PCPI) nos centros de COGAMI.
Trátase dunha nova aposta do departamento educativo da Xunta de Galicia pola empregabilidade do alumnado da FP galega, que ten a súa principal entrada no mercado laboral a través das empresas e asociacións nas que realiza a FCT. Cómpre sinalar, ademais, que esta iniciativa é tamén unha aposta da Consellería por formar profesionais cualificados para atender ás necesidades socioeconómicas de Galicia.
Na sinatura do convenio estiveron presentes, ademais dos asinantes, e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira.
Bolsas de formación e acreditación da experiencia
Ademais, ao abeiro do convenio COGAMI creará unha liña de bolsas de formación para o alumnado máis sobresaínte e titulado en formación profesional, e que realizara o módulo de FCT nas súas instalacións, cunha duración que oscilará entre 2 meses e 1 ano.
Por outra banda, a Consellería abrirá vías para que os traballadores de COGAMI poidan acollerse ao Plan de recoñecemento da experiencia profesional impulsado por Cultura e Educación. Desta forma, os traballadores poderían obter certificados de profesionalidade ou a acreditación de unidades de competencia de módulos de FP, a través da avaliación das competencias adquiridas durante os seus anos de labor profesional.
A colaboración entre a Consellería e COGAMI incide, ademais, no impulso do emprendemento entre o alumnado a través de charlas sobre as experiencias da mocidade emprendedora, entre outras iniciativas. Esta liña de actuación enmárcase no Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, ‘Eduemprende’, unha estratexia posta en marcha polo departamento dirixido por Vázquez Abad para promover o espírito emprendedor e empresarial en todas as etapas educativas como unha competencia básica que facilitará, entre outras, a entrada no mundo laboral do alumnado.