Cultura e Educación investe máis de 1,2 millóns de euros para a prórroga dos contratos de 18 investigadores do programa Isidro Parga Pondal nas universidades galegas

A Consellería vén de resolver a concesión da prórroga do programa Isidro Parga Pondal (convocatoria de 2009) do plan INCITE, volvendo poñer de manifesto a súa aposta pola Investigación e a Innovación como motor de desenvolvemento de Galicia

Con eles, continúanse a respectar os compromisos adquiridos no antigo Plan INCITE

Sáb, 29/12/2012 - 10:00
Cultura e Educación investe máis de 1,2 millóns de euros para a prórroga dos con
Cultura e Educación investe máis de 1,2 millóns de euros para a prórroga dos contratos de 18 investigadores do programa Isidro Parga Pondal nas universidades galegas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de resolver a concesión das axudas para as prórrogas que se inician en 2012 da convocatoria do ano 2009 do Programa Isidro Parga Pondal, co fin de darlle continuidade á contratación de doutores cunha formación posdoutoral contrastada nas universidades do Sistema Universitario de Galicia.

De acordo coa resolución publicada no DOG do 19 de decembro, a Consellería achegará 1.231.200 euros ás tres universidades galegas, para que prorroguen os contratos en vigor subscritos coas persoas seleccionadas no programa Isidro Parga Pondal da convocatoria de 2009.

Trátase dun total de 18 investigadoras e investigadores que verán prorrogados os seus contratos durante dous anos máis. Deles, 9 pertencen á Universidade de Santiago de Compostela, 7 á Universidade de Vigo e 2 á Universidade da Coruña.

Aposta pola investigación

Deste xeito, a Consellería dá cumprimento ao establecido no Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e innovación Tecnolóxica 2005-2010 (INCITE) que, aínda que xa non está en vigor, recollía a posibilidade de convocar a prórroga do programa Isidro Parga Pondal para a concesión de 2009. Neste sentido cómpre lembrar que a Consellería xa prorrogou en 2011 os contratos a outras accións formativas encadradas no INCITE, tales como as axudas a contratos predoutorais de formación en universidades do SUG concedidos en 2009, María Barbeito; as axudas á incorporación de tecnólogos e axentes de innovación e xestión de proxectos de I+D en universidades do SUG concedidos en 2009, Isabel Barreto; e as propias axudas á contratación de doutores en universidades do SUG concedidos en 2008, Isidro Parga Pondal.

Estas accións son unha manifestación máis da aposta do departamento educativo da xunta de Galicia pola I+D, na procura dun crecemento para Galicia fundamentado no coñecemento e a innovación e, polo tanto, sostible. Desta forma dáse ademais continuidade ao labor científico que os investigadores galegos están a  desenvolver, evitando que teñan que buscar saídas laborais fóra de Galicia.

Menús News node R

Colectivo

Tema

Ensinanza