Galicia terá a primeira aula Schneider Electric grazas a un convenio entre a empresa e a Consellería de Educación

O espazo para a actualización da formación do profesorado será o pioneiro no Estado español en centros de estudos non universitarios

Ven, 11/12/2009 - 09:42

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación, José Luis Mira, asinou hoxe un acordo co Director Rexional Noroeste de Schneider Electric España, José Manuel Trabanco, polo cal Galicia será a primeira comunidade española que terá unha aula da empresa nun centro de estudos non universitarios. No acto tamén se renovou un compromiso, existente dende 2007, entre ambas entidades en prol da mellora dos estudantes de F. P., a través da entrega de material eléctrico para empregar durante as horas lectivas.

O acordo asinado permitirá a creación da futura aula que a empresa terá no CIFP Politécnico de Santiago, destinada á formación do profesorado a través dos novos produtos e da tecnoloxía comercializados por Schneider Electric España, e que será a primeira destas características que se inaugura en España. Por outra banda continuarán os curso de formación que a compañía eléctrica xa vén impartindo nos centros integrados de formación profesional.

Está previsto que os primeiros en asistir ao novo espazo sexan unha serie de profesores seleccionados entre os que imparten materias relativas a esta rama de F.P. Unha vez rematados os cursos, estes profesores serán os encargados de formar a máis mestres das mesmas familias profesionais. A aula comezará a funcionar o vindeiro ano, unha vez que a comisión específica designada para a súa creación chegue a un acordo respecto dos contidos que deben ser impartidos para lograr a mellor das formacións.

Seminarios de empresa

Por outra banda, nos institutos de educación secundaria os alumnos e alumnas galegas poderán asistir a seminarios impartidos pola empresa eléctrica. Ademais tanto a Consellería coma Schneider Electric España comprométense a estudar a posibilidade de impartir formación a distancia tanto para profesores como para alumnos.

Con estes acordos Educación segue a traballar na mellora da preparación dos alumnos e alumnas de F.P., neste caso das familias de electricidade e electrónica, e de instalación e mantemento. Deste xeito, e a través de convenios semellantes a este coas empresas relativas aos diferentes estudos, lógrase un permanente avance na calidade dos estudos de F.P.

Neste caso, o beneficio

favorece ao ámbito da distribución eléctrica, a automatización e ao control industrial, eidos que obrigan a unha actualización constante dos coñecementos do profesorado e dos equipos empregados con tal fin. Isto desemboca na mellora do nivel técnico dos futuros profesionais galegos a través da formación do profesorado e do acceso as últimas tecnoloxías implementadas na industria, infraestrutura e vivendas.

No acto de sinatura tamén estiveron presentes a subdirectora xeral de Orientación Profesional e Relación con empresas da Consellería, María Eugenia Pérez, e o director do CIFP Politécnico de Santiago, José Manuel Leis Blanco. Por parte da empresa Schneider Electric España estiveron o delegado de Galicia da Dirección Regional Noroeste, Alberto Rocha, o director do Instituto de Formación ¿ ISEF de Schneider Electric, David Estrada e o responsable de clientela Fabricantes de Maquinaria, Javier Días.

Colaboración con empresas

Este convenio únese ao asinado a semana pasada coa empresa SEAT, polo que se fixo entrega de oito vehículos, destinados a outros tantos centros de F.P. en Galicia, para obter unha mellor formación do alumnado. Nese acto o conselleiro de Educación. Xesús Vázquez Abad dixo que ¿a realimentación continua entre a formación e as necesidades empresarias implica un paso máis na liña de actuación e na nosa aposta polo futura da formación profesional, un compromiso coa mellora constante na calidade das ensinanzas e a súa formación¿, afirmación que se volve a aplicar no caso do convenio con Schneider Electric.

Nesta ocasión o acordo foi asinado con Schneider Electric España, unha compañía especialista global en xestión da enerxía e con operacións en máis de 100 países, encargada de dar solucións integrais para diferentes segmentos de mercado, e que ostenta posicións de liderado en enerxía e infraestructuras, industria, edificios e centros de datos, así como unha amplia presenza no sector residencial. A través do seu compromiso de axudar ás persoas e as organizacións co obxectivo de maximizar o uso da enerxía dun modo máis seguro, fiable e eficiente. A compañía mobilizou ata 3.800 colaboradores no 2008, que están a traballar nos nove centros distribuidos pola península e nun centro loxistico situado en Barcelona.