O conselleiro de Cultura e Educación participa na inauguración da exposición de Down Galicia ‘Más allá de una mirada’

Xesús Vázquez Abad asistiu esta tarde á apertura da mostra, na que se expoñen fotografías realizadas para o calendario solidario desta entidade para o ano 2013

A Consellería vén colaborando con esta federación na atención educativa ao alumnado con discapacidade intelectual

Mér, 05/12/2012 - 20:30
O conselleiro de Cultura e Educación participa na inauguración da exposición de
O conselleiro de Cultura e Educación participa na inauguración da exposición de Down Galicia ‘Más allá de una mirada’

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe na inauguración da exposición ‘Más allá de una mirada’, na que a Federación Galega de Institucións para a Síndrome de Down (Down Galicia) mostra unha selección das fotografías realizadas para o calendario solidario desta entidade para o 2013. No acto participaron, ademais, o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro; o alcalde da cidade das Burgas, Agustín Fernández; e a concelleira de Benestar Social e Saúde, Margarita Martín. A organización da mostra estivo representada pola presidenta da Asociación Down Ourense, Mara Prieto; a comisaria da exposición, Ana Skette; e por algúns dos fotógrafos que colaboraron na elaboración do almanaque.

‘Más allá de una mirada’ recolle parte das instantáneas realizadas para o calendario solidario 2013 de Down Galicia durante unha sesión fotográfica nas instalacións do Auditorio Municipal de Ourense. As fotografías foron realizadas, de forma totalmente desinteresada, polos fotógrafos Juan Louro Cambeiro, Daniel Gallego, Telmo Rocha, Emilio Romanos e Juan Carlos Fernández. A recadación obtida pola venda do calendario, que foi presentado esta mañá, destinarase aos programas de promoción da autonomía persoal que desenvolve Down Galicia.

Colaboración para a escola inclusiva

Coa súa presenza nesta inauguración o conselleiro de Cultura e Educación amosa, unha vez máis, o seu apoio ao labor realizado por esta federación para a acadar unha inclusión real das persoas con Síndrome de Down na sociedade. Neste sentido cómpre lembrar que a Consellería mantén -no marco do Acordo de colaboración asinado o 8 de novembro de 2010- unha colaboración con Down Galicia, co fin de prestar apoio especializado ao alumnado afectado por este síndrome ou outras discapacidades intelectuais, escolarizados en centros educativos públicos da Comunidade.

Ao abeiro deste acordo, o departamento educativo da Xunta de Galicia facilita a presenza dos especialistas da federación nos centros de ensino que conten con alumnas e alumnos afectados polas devanditas necesidades educativas específicas, a fin de facer realidade o principio de colaboración entre as persoas que atenden a un mesmo alumno ou alumna. Ao mesmo tempo, procúrase a colaboración entre estes profesionais, o profesorado, os orientadores e persoal de servizos complementarios dos centros, para a súa avaliación psicopedagóxica e para o axuste da intervención educativa necesaria para cada estudante e dos recursos tecnolóxicos e estratexias didácticas e organizativas favorecedoras da inclusión. Así mesmo, foméntase a comunicación permanente do profesorado e do persoal de Down Galicia con cada familia.

A colaboración entre ambas as entidades contempla tamén a organización de actividades formativas para o profesorado sobre a atención ao alumnado con Síndrome de Down ou discapacidade intelectual, así como o estímulo á elaboración de materiais e ao desenvolvemento de proxectos de innovación pedagóxica que aborden o tratamento e a intervención educativa para estes escolares, no marco do impulso e mellora da calidade do ensino que está a desenvolver a Administración educativa galega.

Cómpre destacar que no proceso de coordinación ao longo do curso 2011-2012, realizado conxuntamente entre o persoal de Down Galicia e o dos propios centros educativos, tanto públicos como concertados, con presenza de alumnado coa Síndrome de Down, expresouse un grao elevado de satisfacción.