Alumnas e alumnos galegos acadan dous primeiros postos no concurso nacional 'Jóvenes técnicos en Automoción', organizado por COMFORP

Estudantes dos IES Marqués de Suanzes, en Ferrol; e do IES As Mariñas, en Betanzos, acadaron o máximo nivel nas categorías de Electromecánica/Tecnoloxía e de Vehículos Industriais, respectivamente

Ven, 07/05/2010 - 19:55

Catro alumnas e alumnos galegos lograron hoxe acadar dous primeiro postos no concurso nacional ‘Jóvenes técnicos en Automoción’, organizado pola Fundación 'Compromiso con la Formación Profesional' (COMFORP).

As estudantes Paula Insua López e Adela Santalla Ruíz de Cortázar, ambas as dúas do ferrolán IES Marqués de Suanzes, conseguiron o máximo galardón na categoría de Electromecánica/ Tecnoloxía, no certame celebrado hoxe nos talleres da Mercedes-Benz en Madrid. Pola súa banda, Javier Vázquez García e Sergio García Segade, do IES As Mariñas (Betanzos), acadaron tamén o primeiro premio na modalidade de Vehículos Industriais. Ademais, Miguel Basanta Modia e Ismael Seoane Pablo, tamén do instituto betanceiro, conseguiron chegar á final nacional deste concurso, na especialidade de Carrozaría, un recoñecemento que só acadaron catro equipos en cada modalidade.

Como agasallo os equipos que acadaron o primeiro posto recibiran material formativo para o uso do centro e do seu alumnado, así como un premio en metálico. Ademais, os alumnos do IES As Mariñas participantes na categoría de Carrozaría levaron un diploma acreditativo e diferentes obsequios das empresas colaboradoras.

Excelencia da FP galega

O feito de que tres equipos galegos chegaran á final da fase nacional deste concurso, resultando gañadoras de dúas das catro categorías que se disputaban no certame, non fai máis que confirmar o bo estado de saúde da Formación Profesional que se está a impartir no sistema educativo galego.

Con todo, e para continuar acadando éxitos, a Consellería de Educación está a desenvolver unha estratexia integral de posta en valor da FP, un sistema de oportunidades nos tempos de crise, debido ao alto grao de empregabilidade do que gozan estas titulacións. Asemade, a administración educativa está a adaptar os currículos dos ciclos formativos para que respondan ás demandas do sistema socioprodutivo de Galicia, así como ás esixencias de formación en prevención de riscos laborais.

Nesta mesma liña de fomento da FP, a Fundación 'Compromiso con la Formación Profesional' (COMFORP) celebrou hoxe a sétima edición do concurso ‘Jóvenes técnicos en Automoción’. O obxectivo do certame é promocionar os ciclos formativos da familia profesional de Mantemento de Vehículos Autopropulsados, potenciando ao mesmo tempo actividades de investigación neste eido.

Ademais, COMFORP traballa no estímulo do alumnado para a mellora da calidade destes estudos, incidindo de xeito especial na relación entre os centros educativos e as empresas do sector. Non en balde, este certame constitúe unha oportunidade de encontro entre os profesionais do mundo laboral, o profesorado de FP e os futuros profesionais, unha iniciativa fundamental para facilitar a incorporación ao mundo do traballo destes titulados.