Alumnado de galego dun instituto de Londres viaxa a Galicia para complementar a súa aprendizaxe deste idioma

Anxo Lorenzo deulles hoxe a benvida aos rapaces e rapazas do Cañada Blanch e animounos a continuar os seus estudos de lingua e cultura galegas

Xov, 06/05/2010 - 19:30
O secretario xeral de Política Lingüística xunto coas alumnas e alumnos
O secretario xeral de Política Lingüística xunto coas alumnas e alumnos

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, recibiu hoxe os alumnos e alumnas que estudan lingua e cultura galegas no instituto Cañada Blanch de Londres e que viaxaron ata Galicia para complementar a súa aprendizaxe nesta materia.

Durante o acto de benvida, que tivo lugar no Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), os estudantes compartiron co secretario xeral os seus intereses e motivacións respecto do estudo do idioma galego. Ao mesmo tempo, Anxo Lorenzo animounos a continuar a súa aprendizaxe e recordoulles que outros moitos rapaces e rapaces de diversas partes do mundo comparten a súa experiencia.

Neste sentido, Anxo Lorenzo mencionou o caso do Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires, en Arxentina, onde arredor de 400 nenos e nenas estudan galego desde infantil ata bacharelato. Tamén do continente americano fixo referencia ao colexio Castelao da Irmandade Galega de Venezuela.

No caso concreto de España, o secretario xeral incidiu na situación da comunidade catalá, onde un total de sete institutos ofrecen a posibilidade de estudar lingua galega, e de Castela e León, onde máis de 1.000 alumnos das provincias de León e de Zamora están a aprender a lingua propia de Galicia.

Achegamento á realidade lingüística e cultural de Galicia

Durante a súa estancia en Galicia, que se prolongará ata o 11 de maio, o alumnado de galego do instituto Cañada Blanch poderá ter un contacto directo coa lingua galega. Ademais, a través das diversas viaxes programadas, os rapaces e rapazas visitarán, entre outras, localidades de especial interese literario, como Celanova, Padrón ou Rianxo, e terán ocasión de coñecer diferentes mostras do patrimonio xeográfico e cultural de Galicia.

O instituto Cañada Blanch de Londres oferta a optativa de lingua e cultura galegas desde o ano 1992. No presente curso escolar, están matriculados un total de 40 alumnos e alumnas de primaria e de secundaria.

Menús News node R